O BNG levará a Pleno unha moción pola defensa de medidas de apoio e fomento da lactancia materna en Ourense
Desde a formación nacionalista lembran que o Concello de Ourense suspendeu nos últimos anos todas as actividades relacionadas coa lactancia e no CHUO, a Comisión de Lactancia está a piques de desaparecer
Ourense, 28 de febreiro de 2024. O Bloque Nacionalista Galego instará ao Goberno Local e a Xunta de Galiza este venres, no Pleno ordinario do Concello de Ourense, a regularizar a Comisión de Lactancia desta Área Sanitaria e a retomar as actividades a prol da Lactancia Materna.
A Comisión de Lactancia nace no Hospital Universitario de Ourense (CHUO) no ano 2015. É 9 anos despois cando a Xerencia deste Hospital declara como inexistente esta Comisión por problemas burocráticos. “O PP estivo catro anos boicoteándoa, e agora pretende desmantelala “ aseguran os nacionalistas.
O BNG considera “imprescindible” o mantemento desta Comisión, que garante a realización de boas prácticas en todo o relacionado coa lactancia materna. Polo que insta á Xunta de Galiza a regularización da Comisión de Lactancia na Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.
O Concello de Ourense, pola súa parte, promovía un programa de saúde materno infantil, onde as mulleres que así o desexaban, recibían asesoramento e información en relación coa lactancia materna, contaban cun punto de atención e con obradoiros. Tamén desenvolvía actividades para conmemorar a Semana Internacional da Lactancia Materna (SMLM) e nas rúas visibilizábase a través dun concurso de fotografías.
Agora mesmo nada disto existe, polo que dende o BNG instan ao Goberno Local a desenvolver un programa de saúde materno-infantil en colaboración co tecido asociativo e a celebración da Semana Mundial da Lactancia Materna.
O Bloque Nacionalista Galego tamén insta ao Concello de Ourense a sinatura dun convenio coa Asociación Arrolos de Teta, o grupo de apoio e lactancia materna en Ourense, onde as nais atoparon e atopan un espazo de asesoramento onde partillar experiencias e unir forzas para remover os atrancos e facer reaxir as institucións na importancia da lactancia.