O BNG alerta que sen orzamentos non haberá plan de emprego

O BNG alerta que sen orzamentos non haberá plan de emprego

O BNG propón ao goberno reubicar os 3.246.046,98€ que sobrepasan o teito de gasto dos orzamentos actuais nun Fondo para a xeración e mantemento do emprego, convertíndoo a través de microcréditos nun gasto financeiro.

Os orzamentos 2013 aínda son posíbeis, esa é a mensaxe que lanzou hoxe o BNG ás veciñas e veciños de Ourense ao tempo que denunciou a incapacidade do grupo de goberno para estar á altura política das circunstancias que a situación social e política requiren.

O BNG denunciou o engano ao que o PSOE someteu á cidadanía cando hai apenas uns días o Alcalde e o Concellal de Facenda falaban das propostas de orzamento e ofertaban acordos para grandes proxectos da cidade, logo de meses de discusións internas no grupo de goberno para presentar a proposta de borrador á oposición para acabar renunciando a facer unha proposta para 2013.

A nacionalista Susana García lembrou ao grupo de goberno que o BNG xa trasladou, para a elaboración dos orzamentos de 2012, unha proposta de reformulación das bases de formación dos orzamentos, para superar procedementos mecánicos baseados no incremento de partidas que o PSOE non aceitou no seu momento e que ten como consecuencia a situación actual. A proposta incluía:

a) Priorizar as competencias propias, asegurando primeiro o funcionamento dos servizos municipais antes que os servizos que non son competencia dos concellos.

b) Eliminar as duplicidades competenciais porque, evidentemente, teñen repercusións nos recursos humanos e económicos.

c) Priorizar dotacións que incidisen na reactivación económica (poñiamos como exemplo o Complexo deportivo Mariñamansa e o reforzamento de equipamentos culturais).

d) Rematar os proxectos de cidade que xa estaban en marcha.

e) E actualizar a relación de postos de traballo do Concello para redistribuír os recursos humanos e materiais de que dispón o Concello.

As propostas, sinalou Susana García 'ían na liña de cumprir os obxectivos de goberno nas actuais condicións adversas, e compatibilizar a contención de gasto co mantemento dos servizos públicos e hoxe cobran máis vixencia que nunca'.

O Portavoz Municipal do BNG, Xosé Somoza, explicou que a diferencia cuantitativa para presentar uns orzamentos municipais que cumpran co teito de gasto da actual lei son 3.246.046,98€, que é o resto entre a proposta actual de orzamentos e o teito de gasto que fixa o informe do interventor.

A proposta do BNG é que esta cantidade extraída do capítulo de gastos correntes se convirta na dotación dun Fondo para a xeración e mantemento do emprego, de en torno a 3,25 millóns de euros, que pasaría a ser gasto financeiro. A proposta do BNG para a implementación de este Fondo para a Xeración e o Mantemento do Emprego é a de converter ao Concello de Ourense nun motor necesario da xeración de emprego, pasando de políticas ineficaces con planos de emprego sen resultados reais a un modelo de plan que fomente o autoemprego, aposte polo comercio local e sexa unha ferramenta útil e real para a cidadanía.

Xosé Somoza, concluiu alertando que 'Con esta proposta enriba da mesa o grupo de goberno debe decidir se aposta realmente polo plan de emprego, tal e como pide o BNG, ou opta polo camiño fácil: renunciar ao plan de emprego, renunciar a uns orzamentos que aporten solucións aos problemas reais que a cidade e as veciñas afrontan e seguir gobernando a golpe de improvisación'.

[ PROPOSTA DE FONDO DE FOMENTO E XERACIÓN DE EMPREGO ]

Ourense, 4 de xuño de 2013

Máis información Xosé Somoza Medina: 615069496

O BNG alerta que sen orzamentos non haberá plan de emprego