Proposta de fondo de xeración e mantemento do emprego para Ourense 2013
O informe do interventor establece un teito de gasto non financieiro de 87.102.108,34 euros, mentres que o borrador dos orzamentos presentados elevaba esta cantidade a 90.348.154,92. Polo tanto, para adecuar os orzamentos a Lei de Estabilidade só hai que reducir este capítulo de gasto en 3.246.046,58 euros, e o BNG ten claro que é perfectamente factible eliminando partidas que non se ían executar, outras que segundo a liquidación do ano pasado están sobredotadas, todas as contratacións de traballos técnicos que poden realizar os funcionarios municipais, a transferencia á empresa municipal de turismo, a partida de órgano de goberno asignada á concellería de cultura, e outras partidas no capítulo de persoal que non se corresponden co establecido no acordo regulador.
Esta cantidade extraída do capítulo de gastos correntes convertiriase na dotación dun Fondo para a xeración e mantemento do emprego, en torno a 3,25 millóns de euros, que pasaría a ser gasto financeiro, no capítulo 8 dos gastos como activos financieiros, e por tanto, fóra da esixencia establecida pola actual lexislación como teito de gasto corrente.
A proposta do BNG para a implementación de este Fondo para a Xeración e o Mantemento do Emprego é a de converter ao Concello de Ourense nun motor necesario da xeración de emprego, pasando de políticas ineficaces con planos de emprego sen resultados reais a un modelo de plan que fomente o autoemprego, aposte polo comercio local e sexa unha ferramenta útil e real para a cidadanía. Este plano levaría tres grandes liñas de actuación
1- Liña de microcréditos para o emprendemento empresarial, que favorecería a aqueles sectores sociais máis castigados pola crise, como parados de longa duración, mulleres e mocidade.
2- Liña de microcréditos para o comercio local, que coa sinatura dun convenio público do mantemento do emprego proporcionaría aos pequenos comercios ourensáns microcréditos para solventar problemas de liquidez.
3- Liña de microcréditos para o fomento da industria cultural, coa que se promocionaría o desenvolvemento da cultura propia como investimento e proxecto de futuro, nunha cidade caracterizada ao longo da súa historia por ser vangarda cultural.
Este Fondo, xunto coa revisión de outras partidas concretas que para o Bloque Nacionalista Galego non deben incluirse no orzamento, sustancian a proposta que este Grupo Municipal fai ao goberno da cidade de Ourense, para a maior brevidade posible sentarse a negociar e aprobar uns orzamentos para o presente exercicio.
Ourense, 4 xuño 2013