O BNG alerta de que os cambios de mobiliario na sede de Urbanismo, onde existe documentación moi sensible, “estanse a realizar sen a supervisión de ningún funcionario municipal”
Para o Portavoz do Grupo municipal nacionalista Luís Seara, “este feito é gravísimo pois unha empresa privada está a mover milleiros de expedientes e documentación en moitos casos sensible, sen que haxa ningún funcionario ou responsable municipal supervisando os traballos e, sobor de todo, custodiando dita documentación”
Ourense, 02 de marzo de 2024. Desde hai meses, o Grupo municipal do BNG ven alertando do caos, cada vez maior, que existe a nivel interno no Concello de Ourense. Un caos organizativo sen precedentes que inflúe significativamente na ralentización e na parálise que vive actualmente a administración local pero que nin moito menos “é culpa das e dos traballadores que fan o que boamente poden dentro do descontrol absoluto no que Jácome ten sumido o Concello”.
O que leva tempo acontecendo na sede de Urbanismo, tamén ten sido amplamente denunciado polo BNG, que sen embargo, acende agora todas as alarmas diante dos cambios que se están levando a cabo na sede desta Concellería ao longo do presente fin de semana.
Segundo relata o Portavoz municipal Luís Seara, “estase procedendo a unha nova reorganización dentro da propia Concellería dos postos de traballo e o que resulta moito máis sorprendente, estase cambiando o mobiliario existente cando o certo é que non era nin moito menos unha necesidade”. Seara engade, “é indignante que onte mesmo no Pleno, a Concelleira de Servizos Sociais argumentase non ter cartos para manter os programas de conciliación nos Centros Cívicos e pola contra, gasten centos de miles de euros en cambiar mobiliario que se atopa en perfecto estado de uso”.
Custodia da documentación.
Pero para o Grupo municipal do BNG, o máis grave de todo o que está acontecendo é que, segundo Luís Seara, "os traballos desta fin de semana en Urbanismo, lévaos a cabo unha empresa privada, a cal está a retirar o mobiliario existente e substituíndoo polo novo, movendo milleiros de documentos e expedientes, moitos deles con información moi sensible, pois falamos de disciplina urbanística, tramitación de subvencións, expedientes de infraccións, etcétera, sen a supervisión de ningún funcionario, recaendo a perda ou o visionado de calquera documento nos propios técnicos municipais, que son os que teñen a garda e custodia de cada expediente".
"Parécenos moi grave e esixiremos explicacións sobre a que obedece esta nova reorganización da Concellería, a que obedece o cambio de mobiliario e por qué motivo non se está a custodiar toda a documentación alí almacenada que reiteramos, é altamente sensible e que persoal alleo ao Concello está movendo dun lado a outro. Por último, saber quen se vai facer responsable en caso de que desapareza algún expediente".