O BNG sinala que a proposta de soterramento da Praza Concepción Arenal anunciada de novo polo Alcalde “é fume”

Luís Seara, representante do BNG no Consello reitor do CMD
Luís Seara, Portavoz do Grupo municipal do BNG

A formación nacionalista asegura que unha vez avaliados os informes técnicos “aprézase que o anteproxecto anunciado e pagado, non se axusta nin á realidade da zona nin as necesidades existentes”

Para o BNG, ao igual que para os técnicos, “non é admisíbel que un proxecto desta embergadura, en caso de poder executarse, vaia incluído na concesión para o servizo de abastecemento e saneamento que por certo, está en precario”

O BNG sinala que a proposta de soterramento da Praza Concepción Arenal anunciada de novo polo Alcalde “é fume”

Ourense, 13 de marzo de 2024. Era decembro de 2020 cando o Alcalde do Concello de Ourense anunciaba a bombo e prato e con toda a solemnidade da que é capaz, un anteproxecto para o soterramento de parte da rúa Pardo de Cela e a Praza de Concepción Arenal co obxectivo de, segundo se anunciaba, “Máis fluidez no tráfico rodado, un espacio adicional de 20.000 metros cadrados libre de coches e un aparcadoiro de 200 plazas fronte ao Pavillón dos Remedios”. Nesa mesma rolda de prensa, xunto ao autor do anteproxecto Juan Carlos Cabanelas, o Alcalde anunciaba que as obras comezarían en 2023 co horizonte temporal para o seu remate no ano 2025.

O certo é que nada se volveu saber daquel proxecto salvo que, tal e como xa denunciou o BNG no seu día, pretendíase incluílo na futura concesión do Servizo de saneamento e abastecemento de auga do Concello, actualmente en precario e para o que se reservaba unha inversión superior aos 20 millóns de euros nun contrato no que, segundo os nacionalistas, “había 0 euros para acometer obra nova no tocante á rede de saneamento e abastecemento no concello cando a día de hoxe temos núcleos poboacionais enteiros como pode ser o caso de Untes ou Palmés que carecen deste servizo”.

Pero para o BNG o máis chamativo é ver como o Alcalde volvía sacar este proxecto do caixón na rolda de prensa que ofrecía a semana pasada toda vez os informes técnicos aos que tivo acceso o Grupo municipal nacionalista, “son claros e contundentes á hora de cualificar o mesmo”. Segundo o Portavoz municipal Luís Seara, “dos informes técnicos despréndese en primeiro lugar que o anteproxecto encargado e pagado no seu día desenvolveuse sen a existencia dos pregos técnicos e administrativos que delimitaran con precisión o obxecto contractual pretendido”.

De igual forma, tal e como sinala Seara, “o anteproxecto presentado é fume pois adolece de graves deficiencias pois nin tan sequera sitúa correctamente as redes de saneamento e abastecemento existentes, atribúelle ao Concello infraestruturas que son doutras administracións como é o caso da CHMS e mesmo non ten en conta a lexislación vixente para obras desta embergadura nas proximidades dun río coma o Miño”.

O feito de pretender incluír a obra dentro do contrato de concesión do servizo de saneamento e abastecemento é, para Luís Seara, “outro despropósito pois tal e como sinalan os propios servizos xurídicos municipais, o orzamento total de máis de 20 millóns de euros non se corresponde coa realidade, existen informes desfavorables do servizo de aguas, do servizo eléctrico e de medio Ambiente”, e engade, “tampouco se lle pediu parecer, nin autorizacións, á CHMS”.

Para o Grupo municipal do BNG, “estamos diante dun novo despropósito de alguén que non coñece ou que non vive na realidade. As necesidades no tocante á rede de saneamento e abastecemento son outras, como por exemplo completar a rede ou mesmo renovar a existente”.

O BNG sinala que a proposta de soterramento da Praza Concepción Arenal anunciada de novo polo Alcalde “é fume”