O BNG apoiará calquera modificación de crédito encamiñada a aumentar os recursos de emerxencia social e para paliar os efectos da crise económica actual
Así o trasladou esta mañá en Xunta de Área a concelleira nacionalista Rhut Reza, advertindo eso sí, de que non aceptarán a chantaxe de "aproveitar dita modificación para introducir, en lote, outras cuestións"
Ourense, 22 de marzo de 2022. Na Xunta de Área de Política Social celebrada esta mañá polo Concello de Ourense e ante a intención manifestada pola concelleira delegada, Eugenia Díaz Abella, de poder levar a cabo unha modificación de crédito que permita aumentar as partidas adicadas a emerxencia social, a concelleira do BNG Rhut Reza, amosoulle o apoio "total e absoluto" da formación nacionalista a dita modificación no caso de levarse a pleno.
Igualmente, Reza lembrou que "desde o inicio do mandato, o BNG apoiou modificacións de crédito por un valor total superior aos 100 millóns de euros grazas a que ditas partidas ían por separado", e advirte, "o que non ímos tolerar é que aproveitando a modificación de crédito para o aumento das axudas a emerxencia social se inclúan partidas que nada teñen que ver".
Rhut Reza facía esta advertencia en clara alusión á modificación de crédito de 62 millóns levada no seu día a pleno e que o BNG non puido apoiar xa que, "en contra do que o propio alcalde denunciaba no mandato anterior, levaron en lote partidas coas que estabamos de acordo pero misturadas con outras coas que para nada coincidimos".
Desde o BNG insisten, "neste contexto de profunda crise económica na que tantas familias o están a pasar cada día peor, apoiaremos calquera modificación de crédito que permita aliviar dita situación, máis xa lle advertimos á concelleira que as partidas vaian por separado e non en lotes".
Reza lémbralle á concelleira Eugenia Díaz Abella que "non pode botarlle á culpa a oposición de carecer de recursos nunha materia tan sensible como é a emerxencia social, son eles os que gobernan e os que a día de hoxe non presentaron nin tan sequera un proxecto de orzamentos", ao que engade, "foi o PP quen escolleu aos seus compañeiros de viaxe, non pode derivar a súa responsabilidade na oposición".
Por último, no BNG lembran a importancia que a día de hoxe tería para avaliar a situación de grave crise socia e económica e sobor de todo, para a toma de decisións, a mesa para a recuperación económica e social solicitada polos nacionalistas hai máis dun ano.