O BNG esixe responsabilidades políticas á Xunta de Galiza e á Deputación de Ourense tras a demoledora sentencia contra MEISA
Ourense 17 de marzo de 2022. O voceiro do grupo provincial do BNG de Ourense, Bernardo Varela, fai unha primeira valoración da sentencia contra a adxudicación do contrato para a xestión da estación de montaña de Manzaneda a Artabria, considerándoa “demoledora contra o modelo de contratación da Xunta de Galiza e Deputación de Ourense”.
Esta falta de licitación transparente, indica o voceiro nacionalista, xa fora posta en evidencia en reiterados debates en comisións e sesións plenarias tanto da Deputación provincial de Ourense, como no Parlamento de Galiza.
“Agora este fallo xudicial evidencia que a Xunta de Galiza e Deputación de Ourense incorreron en múltiples ilegalidades na adxudicación deste contrato.” Declara Varela.
Desde o BNG reclamaremos as responsabilidades políticas derivadas desta sentencia xudicial, que deixa ben ás claras a falta de acceso, transparencia, publicidade e non discriminación, di Varela, que subliña que esta é unha empresa pública que leva no últimos anos recibindo 8 millóns de euros en axudas sen que teñan visto resultados.
Pola súa banda, a deputada Noa Presas demandará responsabilidades á Xunta de Galiza no Parlamento galego, onde xa en anteriores ocasións levara esta situación a través da Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos onde a Sra Dra da Axencia de Turismo respondeu con evasivas, e na que demandaba coñecer cuestións relativas ao procedemento de licitación, o informe previo á adxudicación, os prazos, as garantías de funcionamento, ás posibles melloras, aos criterios económicos desta licitación ou se a Xunta de Galiza e Deputación de Ourense puxeron a disposición fondos públicos para facer fronte as melloras no funcionamento.
“A Xunta de Galiza conta co 49,65 % das accións de MEISA polo que debe dar explicacións e asumir responsabilidades pola fraude na xestión dos recursos públicos dos galegos e galegas” declarou Presas