O BNG aposta polas propostas de futuro e non polo conflito permanente no Concello de Ourense
O BNG non participou no Pleno Extraordinario convocado por petición do PP
O grupo municipal do BNG anunciou hoxe os motivos polos que non participou no Pleno Extraordinario convocado a instancias do PP para volver pedir a dimisión do Alcalde de Ourense.
As nacionalistas trasladaron as seguintes consideracións:
- O BNG, xunto coas outras forzas da oposición, xa reprobou e pediu a dimisión do Alcalde en sesión plenaria, levar adiante esta dimisión é agora responsabilidade exclusiva de Agustín Fernández.
- O Concello de Ourense xa iniciou os trámites para a revisión do expediente sobre a urbanización da rúa na que o Alcalde ten a súa vivenda, dende o BNG consideran que será este expediente e o proceso xudicial as formas de obter información do sucedido, e non as explicacións de parte que podan dar o Alcalde ou o goberno.
- Os plenos extraordinarios, que as forzas políticas poden convocar tendo máis do 25% da representación na corporación son, en opinión do BNG, ferramentas para tratar temas de calado que afecten ao conxunto da sociedade e propostas para a cidade. O BNG non respalda que se utilicen como cohartada para continuar, no caso desta convocatoria a instancias do PP, con temas xa tratados polas forzas políticas noutras ocasións e para continuar coa 'bronca' política na que esta instalado o Concello de Ourense.
- O BNG considera imprescindíbel o exercicio dunha oposición construtiva de propostas e fiscalización do goberno da cidade, por iso rexistrou hoxe dúas mocións máis para o pleno ordinario do mes de maio no que falará de revisión das facturas eléctricas do Concello de Ourense, o IVE do sector da perruquería e a gratuidade dos libros de texto. Os plenos ordinarios do Concello de Ourense, e aqueles extraordinarios nos que se tratan proxectos de cidade son mecanismos de participación democrática imprescindíbeis que cómpre dignificar con propostas e iniciativas.
- A xudicialización da vida política iniciada polo Partido Popular e DO xunto coa mala xestión do PSOE teñen sumido ao Concello de Ourense nunha situación límite na que a paralización de proxectos, a incapacidade de planificación política e orzamentaria e os escándalos xudiciais instalaron a preocupación na cidadanía e deixan apenas só unha saída para a escolla dun novo goberno e dun proxecto de futuro para a cidade: o adianto eleitoral.
Ourense, 15 abril de 2014