O concello debe revisar as facturas da luz por si houbera cobros indebidos
Ante a posíbel estafa artellada polas distribuidoras eléctricas, o grupo municipal do BNG reclama que no concello de Ourense se revisen todas as facturas emitidas dende o ano 2009 para detectar posíbeis erros e cobros indebidos.
A Federación Galega de Municipios e Provincias recoñeceu ter recibido queixas de máis de 130 alcades e alcaldesas por facturación excesiva do alumeado público. Tamén se detectaron facturas duplicadas, desproporción das facturas estimadas respecto ao consumo habitual e aplicación de tarifas diurnas en tramos con contratación nocturna. Estes erros afectan gravemente ás precarias economías locais cuxos gobernantes se ven impotentes por carecer de persoal suficiente para analizaren polo miúdo as facturas eléctricas.
A pesares de que as empresas falan de despistes ou pequenos erros de lectura, o BNG cualifica os feitos de estafa, pois chegaron a cobrar por conceptos contrarios á lexislación. Seguramente o Concello de Ourense tamén é un dos afectados e por iso pedimos, a través dunha moción, que no caso de detectaren facturacións indebidas se reclamen os cartos cobrados de máis dende o ano 2009 e non pasar só pola devolución do último ano como pretenden as compañías eléctricas.
@s nacionalistas tamén queren que a Xunta tome as medidas necesarias para asesorar aos concellos nas súas lexítimas reclamacións e que se aplique o convenio asinado entre a FEGAMP e a Consellaría de Industria que tiña por obxecto amparar aos concellos que tiveran que reclamar ou acudir a contenciosos.