O BNG reitera a necesidade de remunicipalizar o Servizo de Axuda no Fogar
A través do comité de empresa da adxudicataria do Servizo de Axuda no Fogar o grupo municipal do BNG tivo coñecemento de que a empresa esta a empregar como argumento para non abonar as nóminas de persoal o retraso do pago por parte do Concello de Ourense.
As nacionalistas presentaron por rexistro unha petición de información para coñecer a facturación das horas realizadas por parte da empresa en 2014 e en que datas se emitiron as facturas por parte do Concello de Ourense.
O SAF é un dos servizos públicos básicos que presta o Concello de Ourense e para o cal hai asignada unha gran partida orzamentaria (3 millóns de euros nos orzamentos, hoxe prorrogados, de 2012). 'Asistimos dende hai meses ao intento da empresa adxudicataria de deixar de prestar o servizo e para iso non repara en deixar de implementar melloras, cuestionar as condicións do contrato, presentar expedientes de regulación de emprego que poñen e ameazar con non pagar salarios' explica Ximena González sobre a situación da empresa nós últimos tempos,. 'Hai vontade pública de pór medios para este servizo non podemos permitir que sexa a xestión da empresa a que o poña en risco' sinalan as nacionalistas.
No mes de xaneiro o BNG presentou unha moción para o seu debate en pleno na que pedía que o Concello de Ourense rescate a concesión do Servizo de Axuda no Fogar e, no caso de non poder realizar a súa xestión de forma directa, que proceda a unha nova contratación tendo en conta fórmulas de economía social co fin de remunicipalizar o servizo. Algo que como explica Ximena González 'pedimos a súa remunicipalización porque sabíamos que a empresa, ao baixar os beneficios, acabaría por perxudicar ás súas traballadoras e ao propio servizo. O Concello ten recursos para o Servizo de Axuda no Fogar, as intermediarias só o encarecen'.
O BNG expresa o seu apoio @s traballador@s do Servizo de Axuda no Fogar que a través do comité de empresa de Fomento Servizos Sociosanitarios veñen de anunciar mobilizacións para defender os seus postos de traballo e os seus salarios ante o retraso no pagamento das nóminas por parte da empresa e solicita ao goberno de Ourense que cumpla co compromiso adquirido coas traballadoras en decembro.
Ourense, 9 de abril de 2014