O BNG congratúlase de que o Alcalde faga caso da proposta nacionalista e solicite unha reunión da Comisión de seguimento das obras do AVE en Ourense
O Portavoz do BNG no Concello Luís Seara lembra que “desde o BNG levamos meses pedíndolle ao Alcalde que solicitase esta reunión pois cómpre definir ben todos os extremos relativos ao proxecto de integración e, sobor de todo, corrixir as eivas das que adolece”
Ourense, 27 de outubro de 2023. O Concello de Ourense ven de anunciar a solicitude, feita pola alcaldía ao resto de administracións involucradas, Xunta, MITMA e ADIF, dunha reunión da Comisión de seguimento das obras de integración da alta velocidade en Ourense.
O Portavoz municipal do BNG Luís Seara congratúlase do anuncio ao tempo que reitera que “non é sen tempo, pois desde o BNG levamos meses pedíndolle ao Alcalde que solicitase esta reunión pois cómpre definir ben todos os extremos relativos ao proxecto de integración e, sobor de todo, corrixir e mellorar o proxecto”.
Seara reitera que “cada vez temos menos tempo pois cada paso adiante na execución do proxecto actual é un paso atrás no desenvolvemento dunha infraestrutura chave para o futuro da cidade e que verdadeiramente sirva para resolver os problemas existentes de mobilidade e permeabilidade polo que cómo se execute non é unha cuestión menor”.