O BNG proporá ao Pleno destinar os pisos propiedade do Concello de Ourense e concibidos inicialmente para o alugueiro turístico como vivendas de emerxencia temporal para vítimas de violencia machista
Na mesma moción, a formación nacionalista reclama a creación dunha bolsa de vivenda para as vítimas, así como que o Concello intermedie entre arrendadoras e arrendatarias, avalando como institución, ás mulleres que sofren este tipo de violencia
Ourense, 30 de outubro de 2023. O Grupo municipal do BNG no Concello de Ourense porá o foco na violencia machista e na necesidade de que o Concello aumente o seu nivel de implicación para loitar contra unha lacra que como ben sinala a Concelleira nacionalista Erea Blanco, “cómpre combater todos os días. Ante o negacionismo e a banalización da violencia machista é urxente un compromiso político de todas as institucións”.
Desde o BNG lembran que “no que vai de 2023 aumentaron os feminicidios tanto en Galiza como no conxunto do Estado Español e ademais, isto acontece nun contexto de avance dos discursos machistas e misóxinos, de asimilación de violencias e normalización das carencias dun sistema xudicial que tampouco favorece ás mulleres”.
Erea Blanco sinala que “moitas mulleres que sobreviven á violencia machista non teñen ferramentas básicas para garantir a súa independencia económica polo que acoden ás institucións para solicitar axuda e protección. Moitas delas non poden acceder a unha vivenda digna ou a un emprego alén de que moitas veces, as súas vidas quedan en precario, tendo que manter, en boa parte dos casos, tamén as súas crianzas”.
“O Concello de Ourense ten que ser un axente activo de cara a activar protocolos e actuacións para axudar ás mulleres que sofren violencia machista. O proceso desde o comezo atinxe á propia administración pública, Policía Local, Servizos Sociais, CIM e en xeral, toda a administración no seu conxunto”.
De cara á problemática da vivenda que padecen estas mulleres, a Concelleira Erea Blanco ten claro que “é o momento de que o Concello medie entre arrendadoras e arrendatarias, garantindo unha vivenda digna para as mulleres en situación de violencia machista así como coa creación dunha bolsa de vivendas”.
A día de hoxe, o Concello de Ourense ten en propiedade tres pisos concibidos no seu día para o aluguer turístico que levan anos baleiros polo que desde o BNG entenden que “hoxe por hoxe, é máis importante garantir a seguridade das vítimas e que as mesmas teñan acceso a todas as oportunidades. Por isto, unha das mellores saídas que poden ter estes pisos é o seu emprego como vivenda de emerxencia temporal para vítimas de violencia machista”, e engade, “agardamos contar co apoio do resto da Corporación para poder efectivizar todas estas medidas o antes posíbel”.