BNG considera gravísimas as acusacións dun asesor de Jácome nas que acusa a traballadores do concello de “caprichos pederastas” e urxe explicacións
O Grupo Municipal do BNG considera as acusacións verquidas a través de redes sociais dunha gravidade extrema e pide explicacións sobre a veracidade das mesmas
Ourense, 15 de novembro de 2021. Para o concelleiro Luis Seara “o actual Goberno Local caracterizouse por insultar e menoscabar a profesionalidade de funcionarios e funcionarias máis as acusacións de hoxe son un paso que vai moitísimo máis alá pois falamos da comisión dun delito moi grave”.
Para os nacionalistas ao non personalizar coa acusación, o asesor de alcaldía, “sembra a dúbida sobre todo o funcionariado do concello, algo que menoscaba a súa credibilidade mais tamén a da propia institución que por desgraza xa está bastante en entredito por mor das manifestacións e comentarios reiterados no tempo do propio Goberno Local”.
O BNG solicita que con carácter inmediato o asesor que formula a denuncia pública acuda á fiscalía se ten probas e constancia do que está dicindo, lembremos, un suposto delito de pederastia, “aínda que ven podía ter acudido á mesma antes de facelo público a través das redes sociais e favorecer así que os presuntos culpábles estén sobreaviso e mesmo poidan destruir probas, de ser certo o que di”.
De non ser certas as acusacións verquidas, “o alcalde xa está tardando en saír públicamente e dar as explicacións precisas. Estamos a falar de cousas moi serias e moi graves, non todo vale”.