O BNG demanda planificación política á Deputación provincial no debate do estado da Provincia.
Bernardo Varela demanda tomar medidas coas que empezar a abordar de forma efectiva os problemas que padece a provincia de Ourense.
O voceiro do grupo provincial do BNG de Ourense, Bernardo Varela, traslada ao pleno extraordinario do martes 16 de novembro, dez propostas de resolución que a Deputación de Ourense debe abordar ante a situación a que se ve sometida a provincia en diversos eidos. O BNG non deixa de acudir un ano máis ao debate de análise da situación provincial de Ourense proposto polo grupo de goberno, e demandará ante o pleno provincial a aprobación de dez propostas de resolución, mínimas para abordar as problemáticas de Ourense.
A infrafinanciación municipal a que están sometidos os concellos desta provincia e a necesidade de artellar un novo modelo que permita aos municipios ourensáns afrontar a súas amplas competencias para cos seus veciños está entre as reivindicacións que o BNG mantén ao logo do tempo, tanto en plenos ordinarios, como neste debate, indica Varela.
Neste sentido o Bernardo Varela volta facer fincapé na necesidade dun Plan Único de colaboración cos concellos e que conte cando menos cunha dotación do 20% dos orzamentos anuais da Deputación provincial, a repartir entres os 91 concellos menores de 20.000 habitantes en base a criterios obxectivos, equitativos e xustos seguindo o modelo establecido para o Fondo de Cooperación Local da Xunta de Galiza. Un modelo co que o BNG leva emendando os orzamento provinciais todos os anos en cada pleno de aprobación dos orzamentos anuais.
Unha demanda de compromiso orzamentario de cara aos concellos que neste debate o BNG propón ampliar a todas as administracións para rematar cun sistema que fai que a media de financiamento por veciño nos concellos galegos procedente do Estado sexa inferior á media estatal, cando a dispersión poboacional e o avellentamento fai moita máis caro prestar calquer servizo municipal en Galiza que noutro concello do Estado. O voceiro nacionalista tamén sinala nas súas propostas de resolución a necesidade do apoio do ente provincial aos concellos para a captación de fondos europeos, mediante a dotación de partidas económicas que complementen as posibles dotacións procedentes do Estado en termos de equidade e obxectividade
A desarticulación territorial da provincia coa perda de servizos é outro dos pés fundamentais nas propostas do BNG, nomeadamente os servizos ferroviarios e sanitarios. Polo que a organización nacionalista demanda melloras das infraestruturas e persoal ferroviario no ferrocarril convencional, o vertebrador da nosas provincia e insiste especialmente na necesidade de crear un ferrocarril de proximidade, xa for a través de RENFE, ou demandando o traspaso de competencias e recursos económicos á Galiza. E no tocante aos sevizos sanitarios é precisa unha defensa a ultranza da Sanidade Pública que atalle precariedade laboral no sector e dote á provincia dos medios tecnolóxicos, permitindo así reforzar o servizo de atención primaria e a redución das listas de agarda.
Para o BNG todas estas deficiencias acaban xerando novas problemáticas medioambientais, demográficas, patrimoniais que tamén aborda nas súa propostas de resolución. O espolio enerxético que debe ser atalladao cunha regulación enerxética con criterios de preservación do territorio e na que os beneficios dos nosos recursos naturais revertan sobre a veciñanza. A necesidade de apostar polo apoio á agrogandeiría ecolóxica e de pequeno formato a través da colaboración interinstitucional e con partidas orzamentarias especificas. E a emigración xuvenil que continúa desangrando as comarcas Ourensás e a que debe prestarselle atención con políticas estratéxicas para asentar mocidade no territorio e con especial atención a políticas activas de respaldo á xente moza retornada e inmigrante.
O BNG volta reiterar neste debate o seu compromiso co patrimonio material e inmaterial e volta demandar a posta en marcha da Comisión de Patrimonio coa participación de expertos para a súa posta en valor e coidado, que xa foi aprobada en pleno a petición do BNG pero que continúa sen pórse en funcionamento .
En definitiva, unha serie de medidas mínimas que esixen da Deputación unha planificación política efectiva acorde aos problemas reais que padecen as comarcas de Ourense baixo dirección da Deputación provincial do PP.