O BNG considera unha "tomadura de pelo" o anuncio do Concello de contratar a 10 persoas con titulación universitaria para labores eventuais
Desde a formación nacionalista cuestionan o procedemento de contratación e o anuncio de que este será “universal e público”
Segundo o Portavoz Luís Seara, “estamos diante dun novo paripé pois contratarase a aquelas persoas que o alcalde queira e que seguro xa ten escollido pero pretendendo dar unha imaxe de proceso aberto, universal e xusto, cando é, e témolo claro, todo o contrario”.
Ourense, 28 de xullo de 2023. O Concello de Ourense ven de anunciar a contratación de 10 persoas con titulación universitaria para labores eventuais e para, tal e como se anuncia, “a axilización de trámites e proxectos municipais” a través dun procedemento “para unha contratación universal e pública” pero que, tal e como afirma o Portavoz do Grupo municipal do BNG Luís Seara, “carece de bases obxectivas ademais de non seguir ningún dos procedementos de contratacións establecidos na lexislación vixente”.
Segundo o BNG, con este anuncio o actual Rexedor soamente pretende crear “unha nova cortina de fume coa que disimular a contratación de até 19 persoas como persoal eventual, tal e como xa aconteceu no pasado mandato e para crear falsas expectativas entre as potenciais persoas participantes neste proceso que ten de todo menos transparencia e limpeza”.
O feito de que os currículums sexan dirixidos directamente á alcaldía e que sexa esta quen decida as e os contratados revela, segundo o Portavoz dos nacionalistas Luís Seara que, “estamos diante dun novo paripé pois contratarase a aquelas persoas que o alcalde queira e que seguro xa ten escollido pero pretendendo dar unha imaxe de proceso aberto, universal e xusto, cando é, e témolo claro, todo o contrario”.
Outra das advertencias do BNG é o feito de que ditas contratacións teñan por obxecto a axilización de trámites e proxectos municipais xa que “o persoal eventual non pode desempeñan este tipo de funcións que están claramente reservadas para o persoal funcionario”.