O BNG reclama que o Concello de Ourense esixa a Naturgy medidas de seguridade no encoro de Velle que eviten incidentes durante o periodo estival
Desde o Grupo municipal lembran que é habitual que se produzan incidentes con bañistas preto da zona das comportas do encoro debido ás escasas medidas de seguridade nos accesos aos pantaláns existentes na zona
Outra das demandas do BNG ten que ver coa necesidade de habilitar accesos axeitados para os equipos de emerxencia tanto no encoro como no resto da trama urbana do río Miño
Ourense, 06 de xullo de 2023. Foi no verán pasado, a mediados de xullo, cando se producía a desaparición no encoro de Velle de Alassane Gabe Ndiaye, un xoven veciño da cidade de 23 anos que aparecía días despois afogado a escasos metros das comportas do encoro.
Xa entón, reclamouse por parte do BNG e mesmo do Concello de Ourense á empresa encargada do mantemento e control da instalación, Naturgy, a adopción de todas as medidas de seguridade necesarias para impedir o fácil acceso ao encoro e evitar deste xeito, e dentro do posible, que aconteceran sucesos similares.
O certo é que tal e como denuncia o Portavoz do BNG no Concello Luís Seara, “pasou case un ano e Naturgy continúa sen controlar o acceso aos pantaláns do encoro, inaccesíbeis por outra banda para os diferentes equipos de emerxencias polo que a día de hoxe, calquera incidente pode rematar en traxedia tal e como desgrazadamente aconteceu o verán pasado”.
No BNG din que “a Polícía Local non pode estar continuamente vixiando zonas e propiedades de empresas privadas que teñen a obriga de exercer ese traballo polo que pedímoslle ao Goberno Local que se dirixa a Naturgy e lle esixa a adopción de todas as medidas de seguridade que estimen oportunas co fin de evitar o acceso libre e incontrolado aos pantaláns e polo tanto ao encoro”.
Seara insiste, “existe lóxicamente unha responsabilidade individual de cada un á hora de decidir non facer caso á sinalización existente na zona máis con todo, entendemos necesario que polo menos, durante o periodo de verán, a empresa incremente as medidas de seguridade para evitar incidentes e sucesos tráxicos coma os vividos”.
Por último, desde o BNG entenden preciso tamén que “entre o Concello, a CHMS e Naturgy se melloren e amplíen as zonas e os accesos previstos para os equipos de emerxencia. Cómpre que estes poidan actuar coa maior rapidez e polo tanto que cando teñan que actuar no encoro ou no río non atopen máis dificultades da que xa de por si provoca a orografía da zona”.