O BNG denuncia saturación en Servizos Sociais ante a falta de previsión do Goberno Local á hora de cubrir as prazas de traballadoras sociais
Desde a formación nacionalista advirten que as listas de contratación “están caducadas polo que non se están a cubrir as vacantes por vacacións ou baixas, algo que está a provocar saturación no Servizo e que o persoal existente teña que soportar unha elevada carga de traballo”
Erea Blanco advirte que, de non atallalo antes, “esta situación vaise dar tamén a partir de setembro nas conserxerías dos colexios pois a lista de contratación creada no seu día caduca ese mesmo mes”
Ourense, 31 de xullo de 2023. O Grupo municipal do BNG no Concello de Ourense a través da concelleira Rhut Reza, denunciou este luns que “non se están a cubrir os postos das traballadoras sociais que quedan vacantes debido ás vacacións ou baixas por diferentes motivos do persoal”. Esta situación ven motivada pola “caducidade da lista de contratación creada no seu día para cubrir estes postos”.
Reza advirte que “esta situación está a provocar que o persoal que está a día de hoxe traballando teña que facerse non soamente cargo do seu, senón tamén do das súas compañeiras e compañeiros, provocando un exceso de carga de traballo que en moitos casos resulta inasumible”.
A sitaución creada é, segundo o BNG, “froito do desleixo do actual Goberno Local ao non abordar a tempo a renovación da lista de contratación e deixar que caducara a existente polo que agora non se pode contratar persoal para cubrir as vacantes por vacacións ou baixas”.
Para a formación nacionalista os Servizos Sociais “deben ser unha prioridade para calquera Goberno pois estamos a falar da veciñanza máis vulnerable, da que máis apoio precisa e da que demanda respostas case que inmediatas ante situacións que en moitas ocasións son extremas polo que o Concello ten que ter os medios suficientes e adecuados para facer fronte á elevada carga de traballo que soporta esta Concellería”.
Rhut Reza recoñece que no anterior mandato “leváronse a cabo contratacións para reforzar os Servizos Sociais con varios programas pero de nada vale se cando ese persoal está de vacacións ou colle unha baixa polo motivo que sexa non se cubre o posto e polo tanto o traballo queda sen facer, ese é o papel das listas de contratación e este Goberno deixou que caducaran”.
Caducidade da lista de conserxes.
Pola súa banda, a Concelleira Erea Blanco advertiu que no mes de setembro caducará a lista de contratación de conserxes polo que “pedímoslle á nova Concelleira que actúe con celeridade para poder aprobar unha nova antes de que iso suceda xa que a partir de ese momento non se van poder cubrir as baixas, con todos os problemas que iso conleva” polo que urxiu á nova Concelleira a iniciar canto antes o proceso de renovación da mesma e evitar as situacións za vividas no pasado.