O BNG creará unha Oficina de Emancipación Xuvenil no Concello que facilite o acceso á vivenda e a todos os trámites relacionados ás mozas e mozos de Ourense
Con esta medida, desde o BNG pretenden impulsar a emancipación xuvenil das mozas e mozos a través dunha oficina que os acompañe e asesore á hora de buscar unha vivenda e de realizar todos os trámites necesarios para conquerila
Ourense, 03 de maio de 2023. Unha das principais apostas do BNG de Ourense de cara ás eleccións municipais do 28 de maio pasa por unha maior atención por parte do Concello de Ourense á xente moza, “tan abandonada ao longo dos últimos oito anos por parte dos Gobernos de PP e DO e a todos os niveis”.
Esta mañá o candidato nacionalista e actual Portavoz municipal Luís Seara, acompañado por Hadrián Alonso, membro da candidatura, presentaron as propostas do BNG en materia de vivenda de cara ao vindeiro mandato.
Alonso destacou as “enormes dificultades que nos atopamos os mozos e as mozas á hora de poder emanciparnos das nosas nais e pais e poder iniciar un proxecto de vida en solitario ou en parella”, e engadiu, “a unhas condicións salariais moi precarias que fan que en moitos casos ter un traballo non signifique poder vivir dignamente debido aos baixos salarios, debemos engadirlle os prezos excesivamente altos das vivendas, o que dificulta enormemente poder dar ese gran paso”.
Ante esta situación é pola que Luís Seara entende que “a administración local, a máis próxima á veciñanza como é o Concello non pode permanecer allea a esta situación, cómpre estar ao carón da xente moza, que son o futuro do noso Concello e axudalos e acompañalos neste caso para que poidan iniciar un proxecto de vida”.
Seara lembrou que xa a semana pasada adiantou que unha das medidas de cara ao vindeiro mandato será a “adquisición de até dez inmóbeis na zona histórica para a súa rehabilitación e posta a disposición da veciñanza a prezos de aluguer accesíbeis”.
Ao tempo, Seara avanzou tamén a posta en marcha dun Plan de rehabilitación de vivenda e aluguer social “dotado con dous millóns de euros e cun máximo de 18.000 por vivenda, a condición de que o aluguer da mesma fique por debaixo do 25% do prezo de mercado”. Mais no día de hoxe, anunciou que o BNG creará no vindeiro mandato unha Oficina de Emancipación Xuvenil.
O obxectivo da mesma segundo indicou Luís Seara durante a presentación da mesma no parque da Universidade será “a de acompañar e orientar ás mozas e mozos na búsqueda e sinatura do seu contrato de aluguer así como actuar de mediador entre as partes de ser o caso. Outro dos cometidos da Oficina será o de orientar sobre todos os trámites e procedementos burocráticos necesarios ao longo de todo un proceso de emencipación, algo que todos vivimos nalgún momento das nosas vidas”.
Luís Seara enmarca a creación desta Oficina na necesidade “de que a xente moza sinta que tamén son parte do Concello de Ourense e que polo tanto poden contar con el para o que precisen. Abogamos por un Concello de portas abertas e paredes de cristal e dentro desta idea está que as mozas e mozos atopen unha institución que os axude e os acompañe, neste caso, se o que buscan é iniciar un proxecto vital”.