O BNG demanda a implantación dun servizo de transporte comarcal que permita mellorar a mobilidade entre a cidade de Ourense e os Concellos da súa área de influencia

DSC_9539
Momento do acto reivindicativo

Pidenlle á Xunta que retome o Plan comarcal pero ampliado a un total de trece Concellos

Ademais de mellorar a mobilidade das centos de persoas que residen nos concellos da contorna da cidade pero que cada día se desprazan á capital, no BNG afirman que contribuiría a diminuir significativamente o fluxo de vehículos que cada día penetran nas rúas de Ourense

O BNG demanda a implantación dun servizo de transporte comarcal que permita mellorar a mobilidade entre a cidade de Ourense e os Concellos da súa área de influencia

Ourense, 01 de maio de 2023. O BNG volveu reunir este domingo ás candidatas e candidatos dos concellos da comarca de Ourense co gallo de reivindicar a implementación do transporte comarcal. O lugar escollido foi o intercambiador situado na parte traseira da Alameda do Concello, na cidade de Ourense.

Ademais das trece candidatas e candidatos dos concellos da área de influencia do Concello de Ourense, estivo presente o Portavoz municipal e candidato á alcaldía Luís Seara, quen falou en nome de todas e todos eles para explicar as razóns que levan ao BNG a reivindicar dito servizo.

Segundo Seara, “a desidia da Xunta de Galiza e o feito de ter un Goberno Local paralizado, ten impedido que o transporte comarcal sexa unha realidade a día de hoxe”, e engadiu, “en Ourense temos un transporte municipal que leva anos en precario e cun Goberno que merca autobuses pero que non ten resolto de que xeito xestionar o servizo”.

Luís Seara incidiu neste punto para lembrar que no actual mandato, o Goberno liderado por Jácome aprobou un Regulamento de transporte que apostaba pola extensión de liñas máis alá do termo municipal do Concello de Ourense “pero que logo de case catro anos foi incapaz de implementar nin tan sequera unha liña”.

Seara destacou que “un dos piares do noso proxecto é o que definimos como Ourense, Concello en movemento. O BNG quere facer de Ourense unha referencia en materia de mobilidade, un Concello que aposte pola humanización dos espazos e para iso é preciso reducir drásticamente o número de vehículos que entran cada día nas nosas rúas”.

O candidato nacionalista incidiu en que “este obxectivo soamente é posíbel cun transporte comarcal eficaz, eficiente e sustentábel e por iso lle pedimos á Xunta que retome a proposta do Plan comarcal pero ampliada a trece Concellos como unha aposta pola loita contra o cambio climático e a descarbonización máis tamén como unha aposta pola vertebración do noso territorio”.

O BNG demanda a implantación dun servizo de transporte comarcal que permita mellorar a mobilidade entre a cidade de Ourense e os Concellos da súa área de influencia