O BNG critica o abandono dos concellos por parte do goberno da Deputación Provincial de Ourense
A formación nacionalista insta ao goberno provincial a levar a cabo unha plan económico que axude aos concellos a loitar contra a crise provocada pola covid-19
O voceiro do Grupo Provincial do BNG, Bernardo Varela, criticou a xestión do Partido Popular na Deputación de Ourense dedicando a maior parte dos fondos a partidas non prioritarias a día de hoxe, polo contexto do coronavirus, como a de obras. Asemade, a formación nacionalista denunciou que os concellos da provincia recibirán unha cantidade escasa para frear a crise económica e social que virá despois do estado de alarma: 150 mil euros de xeito directo.
O grupo provincial do BNG valorou o pleno da Deputación Provincial de Ourense que se celebrará mañá sinalando que eles mesmos propuxeran un plan contra o coronavirus que o goberno provincial rexeitou. O remanente de tesourería neste momento, que está por enriba dos 37 millóns de euros- soamente se empregarán seis millóns de euros. A esta cifra súmanselle preto de dous millóns de euros de gastos que non se levarán a cabo en 2020.
“Unha gran porcentaxe desa partida vai ir para obras cando o presidente da Deputación díxolle aos concellos que se tiñan que esquecer das obras. Un millón cento vinte e cinco mil euros destinados ao Centro Galego de Inovación de FP que se sumaría ao millón de euros comprometidos nos orzamentos ordinarios. Non ten sentido destinar todos estes fondos neste momento a ese proxecto cando nin tan sequera está licitado” sinalou o voceiro do BNG na Deputación de Ourense. Para a formación nacionalista non parecen correctas as partidas que van para infraestruturas e obras como o Centro de saúde da Rúa ou a ampliación da residencia da terceira idade en Porqueira “polo momento actual que estamos a vivir”.
“Os Concellos van recibir dun xeito directo 150 mil euros: cada concello recibirá entre 1.300 e 1.800” sinalou Varela cualificando esta aportación como “menor” en comparación as axudas que están a establecer outras Deputacións do país como é o caso da Deputación da Coruña que repartirá máis de 150 mil euros a cada Concello de menos de 20.000 habitantes para “estas axudas inmediatas a súa poboación”.
Desde a formación nacionalista remarcaron o feito de que a Deputación de Ourense non está a contribuír de maneira positiva a que os concellos da provincia poidan recibir fondos económicos que axuden a paliar a crise económica e social froito da covid-19 e a declaración do estado de alarma.