O BNG leva á Deputación Permanente do Parlamento Galego o acontecido coa alcaldesa popular de Vilariño de Conso
A formación nacionalista critica as actuacións irresponsábeis de altos cargos municipais durante a crise da covid-19
O BNG rexistrou unha batería de preguntas referentes ás actuacións irresponsábeis de referentes políticos a nivel municipal. Entre os casos, sinalaron a acción da alcaldesa popular de Vilariño de Conso que puxo en risco a poboación de gran parte da localidade de Viana do Bolo.
O 28 de abril o alcalde da vila vianesa puxo en coñecemento das administracións central e galega unha serie de feitos desenvolvidos pola equipa de goberno do Concello de Vilariño de Conso: o pasado 25 de abril pola tarde un coche de protección civil de Vilariño de Conso, sen competencias en Viana do Bolo, repartiu caramelos en casas da vila e en varios dos núcleos rurais. No carro viaxaban, ademais de dúas persoas disfrazadas e outras repartindo os caramelos, a alcaldesa de Vilariño de Conso.
A acción popular foi sen previo aviso e sen comunicación procedente ao concello de Viana do Bolo, así como a ningunha autoridade competente. “Nesta actuación incumpríronse moitas das medidas e restricións que figuran na lexislación vixente coa aprobación do estado de alarma e o estado de emerxencia sanitaria, declarada pola Xunta de Galiza” sinalaron desde a formación nacionalista. Asemade, a representante do BNG, Noa Presas, sinalou que “non se gardaron as medidas de mobilidade, incumpríronse as distancias de seguridade, así como as medidas de medidas de mobilidade. Púxose en riso a poboación de Viana do Bolo”.
A formación nacionalista, na súa pregunta formulada no rexistro do Parlamento de Galiza, indicou que este tipo de “actuacións irresponsábeis” merecen a atención do goberno galego. “Este non é un caso puntual, posto que en máis concellos da provincia de Ourense, estanse levando a cabo actuacións similares por parte de representantes públicos en concellos como Leiro ou a vila de Ribadavia” apuntou Presas. Continuou formulando varias das preguntas que rexistraron para saber se a Xunta de Galiza recibira algunha notificación destes sucesos e se, desde o executivo galego, pensan que é un bo exemplo de actuación.
“As representantes públicas temos que respectar tamén a declaración do estado de alarma e o estado de emerxencia sanitaria. Non podemos levar a cabo actuacións que poidan poñer en perigo a saúde das veciñas e veciños, sobre todo en Ourense cunha poboación tan envellecida” concluíron desde a formación nacionalista.