O BNG recolle as demandas sindicais da CiG cara o 1 de maio e anima a recuperar dereitos laborais
Presas: “A Xunta non pode estar fixada no electoralismo. Precisamos dun plan para a re industrialización de Ourense”
O BNG mostrou o apoio á central sindical nacionalista cara a conmemoración do 1 de maio, este ano confinados pola declaración do estado de alarma. A organización política sinalou que “é preciso recuperar os dereitos perdidos” e apostar por receitas innovadoras que apoien á clase traballadora, desbotando as medidas propostas polo PP e PSOE durante a crise do 2008.
A formación nacionalista mantivo unha reunión telemática con representación da organización sindical nacionalista, CiG, co obxectivo de analizar a situación laboral de cara a celebración do 1 de maio. Ambas organización amosaron unha fonda preocupación no plano político e sindical diante da crise económica “na que xa nos sumiu o coronavirus”. Asemade, mostráronse preocupadas por unha posíbel segunda ola, co remate do estado de alarma, na crise económica e social co aumento dos despedimentos, con máis ERTE así como os posíbeis efectos para a economía sumerxida e o aumento dos empregos precarios e feminizados, coma os coidados.
“Desde o BNG mostramos apoio e respaldo ás reivindicación da CiG despois da reunión mantida. Sabemos que non poden repetirse os erros e as receitas que o PP e o PSOE levaron a cabo na crise de 2008” sinalou a representante do BNG, Noa Presas. Para a membro da Executiva Nacional, a pasada crise “foi unha coartada para o recortes salariais, sociais e de dereitos. Temos que apostar por recuperar dereitos perdidos”.
Amais, Presas mostrou a súa preocupación pola forte recentralización das decisións que está levando a cabo o goberno do Estado español así como o recorte de dereitos e liberdades así como sinalou que os novos Pactos da Moncloa “non poden supoñer un recorte nos dereitos laborais e sindicais así como os económicos”. A representante do BNG criticou o papel da Xunta de Galiza e a súa inacción: “só pon en marcha medidas cosméticas e non prestan axuda económica para aliviar a situación das persoas en maior risco económico; tampouco para reactivar a economía galega”.
Preocupación por Ourense e o desenvolvemento económico da provincia
“A Xunta non pode estar fixada no electoralismo e desatende as súas funcións en canto á planificación económica e desenvolvemento industrial” sinalou Presas. Asemade, mostrou a súa preocupación pola provincia de Ourense e a reactivación da economía ourensá así como sinalou medidas específicas que precisas a provincia. “Vemos como en Ourense se precisa dun plan para a re industrialización acompañado de medidas que impidan o declive demográfico” concretou Presas.