O BNG critica o cartel escollido polo Concello para promocionar as festas do Entroido 2013
Na pasada Xunta de Área de Cultura celebrada o martes día 22, a concelleira Ana Garrido non anunciou ás persoas representantes dos grupos políticos que alí asistiamos á reunión o progama e o cartel que, pouco tempo despois, lles revelaría aos medios de comunicación. É unha estratexia habitual do equipo de goberno que consideramos irrespetuosa coas forzas políticas que formamos a Corporación aínda que, nesta ocasión, cremos que non o fixo para non recibir o rexeitamento unánime ante o que se presentou como cartel do Entroido para este ano.
Ademáis de presentar unha imaxe sexista que desde o punto de vista de xénero e da igualdade entre homes e mulleres resulta abertamente criticable, o cartel prescinde de todo aquilo que pode identificar o Entroido de Ourense. Non se trata dun xuízo de valor estético á obra do fotógrafo, o que criticamos é o feito de que esa imaxe non representa, en ningún aspecto, o Entroido ourensán. A singularidade da nosa festa é a que fai que Ourense sexa un lugar de visita durante estas datas, pero non polas reminiscencias fellinianas senón por tradicións arraigadas na nosa historia como os Xoves de Compadres e Comadres ou a xeneralización do uso do disfraz entre todas as persoas, independentemente da súa idade ou condición social. Un cartaz desubicado da realidade cultural, política e social de Ourense e do noso país, que para nada identifica o Entroido coa cidade de Ourense e coa tradición que existe nas comarcas veciñas.
Ao igual que nas críticas da posmodernidade se falaba da reiteracións de paisaxes urbanas semellantes como a proliferación dos non lugares, porque non pertencía a ningún sitio en concreto, hoxe en Ourense poderíamos falar do Non Cartel.
Grupo Municipal do BNG
24 de xaneiro 2013