Os orzamentos da Xunta abandonan ás máis desfavorecidas e esquecen a creación de emprego
O BNG considera que nunha situación social como a actual con máis de 30000 persoas desempregadas en Ourense a prioridade deben ser as políticas de creación de emprego.
No caso concreto de Ourense os ámbitos de maior potencialidade son o termalismo a través do desenvolvemento do Plan Estratéxico para o que propón unha achega da Xunta de 500000 de euros e a posta en marcha dun pllan de turismo termal con 300000 euros. En ambos casos Ourense como capital termal de Galiza ten que ser o motor de desenvolvemento. O verdadeiro plan impulso Ourense ten que vir da posta en valor dos nosos recursos naturais e do noso sector primario, que o único ámbito no que se pode crear emprego estábel e de calidade, e que en todos os programas de emprego se primen aqueles ámbitos nos que exista un menor desenvolvemento industrial e económico, onde a poboación activa sexa inferior ás clases pasivas e os índices de desemprego maiores como é o caso de Ourense.
Outra liña prioritaria é a que ten que ver coa atención ás persoas máis desfavorecidas, restituíndo as axudas ás cidades para o servizo de teleasistencia e o plan concertado para a prestación de servizos de atención á domicilio. Igualmente no referido á atención e asesoramento xurídico ás persoas vítimas do desafiuzamento para as que tamén se establece un plan de actuación para garantirlles o mantemento das súas vivendas.
No que ten a ver coa sanidade ademais de solicitar a construción do centro de saúde do Vinteún, establecese a través dunha emenda ao articulado a blindaxe de que todas as infraestruturas sanitarias se fagan unicamente con financiamento público, incluído o CHUOU.
Por outra banda o BNG a través da súa emenda á totalidade dos orzamentos propón que no cativo marco fiscal co que conta Galiza se incrementen os ingresos a través do incremento ás rendas máis altas, tanto o imposto de patrimonio como da renda, e establecendo un novo imposto para as grandes superficies comercias, para que aquelas de máis de 2500 m paguen a razón de 30 /m por ano.