O Grupo Provincial do BNG na Deputación de Ourense cualifica de “manipulación” o anuncio do reparto de Cooperación Local
Varela sinala que estes fondos destinados para os concellos son recursos que xa estaban comprometidos dentro da financiación do Fondo de Financiación Local
O voceiro do BNG na Deputación Provincial, Bernardo Varela, valorou negativamente o anuncio do reparto de fondos de Cooperación Local. A formación nacionalista sinalou que a nova atende a unha manipulación por parte da Xefatura Territorial da Xunta de Galiza posto que estes fondos “xa estaban comprometidos para os concellos” antes de que comezara a crise sanitaria.
A Xefatura Territorial da Xunta de Galiza anunciou que os concellos da provincia de Ourense recibirán 4.9 millóns de euros. A formación nacionalista cualificou este anuncio de manipulación posto que “estes fondos xa estaban comprometidos no Fondo de Financiación Local. Non é unha achega extraordinaria tal e como din desde a Xunta de Galiza”. Varela sinalou que tanto o executivo galego como a delegación territorial teñen que transferir estes recursos económicos de xeito ordinario aos concellos da provincia de Ourense.
“Resultaría lóxico que, ao igual que a Xunta de Galiza solicita novas achegas económicas do Estado, a propia Xunta dotara de axudas extraordinarias aos concellos do país” indicou o voceiro do BNG na Deputación de Ourense. Para a organización do BNG, o goberno de Feijóo non pode “estar pedindo unha cousa en Madrid e practicando a contraria cos concellos do país”. Asemade, continuou explicando que os concellos son “os que están a facer fronte ás necesidades máis inmediatas da veciñanza, coma sempre”.
Dentro dos acordos de financiamento levados a cabo entre o executivo galego e a FEGAMP existen resolucións previas que promoven a transferencia de 4,9 millóns de euros para os concellos ourensáns. “O mínimo que se pode pedir entre Administracións é lealdade á hora de informar, especialmente nun momento de tantas sensibilidades a flor de pel” sinalou a organización nacionalista apuntando que os orzamentos van quedarse curtos en todas as administracións con este tipo de dinámicas.