O BNG cualifica os orzamentos da Deputación de Ourense para o 2025 de continuístas
Estes son un orzamentos tramposos e pouco ambiciosos, que non serven para sacar a Ourense da situación na que se atopa e que en pouco difiren do ano pasado
O voceiro do BNG na deputación de Ourense, Bernardo Varela, cualificou os orzamentos que van ser debatidos no día de hoxe na comisión informativa de facenda da deputación provincial, como uns orzamentos continuístas tanto no reparto como por permitir manter un reparto baseado na subxectivade.
O grupo provincial nacionalista considera que son uns “orzamentos tramposos”, pois a pesar de reducir os fondos orzamentados a nominativas, son uns orzamentos que crean varias partidas novas a cero euros, ás que se podrán asignar fondos a futuro e continuar mantendo un reparto a dedo dos fondos provincias como leva facendo décadas o PP.
Uns orzamentos que a pesar de aumentar en case dez millóns de euros seguen mantendo como principais partidas de gasto os capítulos de persoal e funcionamento, que tal como sinala o voceiro nacionalista, superan o 60% do orzamento de gasto da propia institución.
“Faremos aportacións para mellorar estes orzamentos, pois non son uns orzamentos que non serven para sacar a Ourense da situación de estancamento que actualmente padece” declaraba Varela, que indicou que desde o grupo nacionalista consideran que hai que ser máis ambiciosos e que é preciso mellorar tamén o reparto de fondos especialmente entre entidades e asociacións.
Os nacionalistas tamén sinalan a necesidade de crear unha formula de reparto equitativo de fondos e que non se atopa recollida non proxecto de orzamento entregado polo goberno provincial.