O BNG solicita o recoñecemento do Camiño de San Rosendo como Camiño Xacobeo

Iago Tabarés, deputado do BNG por Ourense
Iago Tabarés, deputado do BNG por Ourense

O Grupo parlamentar do BNG impulsa unha PNL na Cámara galega co obxectivo de “impulsar o recoñecemento e cualificación como Xacobeo do Camiño de San Rosendo”

O BNG solicita o recoñecemento do Camiño de San Rosendo como Camiño Xacobeo

Ourense, 17 de novembro de 2024. O recoñecemento do Camiño de San Rosendo como camiño Xacobeo impulsado polo BNG pretende, segundo un dos autores da iniciativa, o deputado por Ourense Iago Tabarés, “contribuír a súa conservación e divulgación, permitindo o establecemento de servizos esenciais para a atención das peregrinas e un aproveitamento sustentábel do Camiño, respectuoso cos valores naturais, patrimoniais e históricos dun espazo singularmente privilexiado”.

E é que como ben sinala Tabarés, “o denominado Camiño de San Rosendo, constitúe unha bimilenaria vía de peregrinación desde o norte de Portugal a Compostela. O Camiño de San Rosendo, de 305 quilómetros de lonxitude e distribuído en 13 etapas, une a localidade portuguesa de San Tirso con Santiago de Compostela, atravesando localidades de concellos como Lobios, Muiños, Lobeira, Bande, Verea, Celanova, A Merca e San Cibrao das Viñas”.

A iconografía Xacobea e de culto ao Apostolo está presente en numerosos monumentos relixiosos, algúns tan senlleiros como unha das catro columnas salomónicas do retablo maior da Igrexa de San Salvador de Celanova, nun peto de ánimas de Ponte Fechas, na parroquia de Rabal, no Concello de Celanova, no que pode apreciarse a existencia dunha cuncha peregrina, que ven corroborar o carácter xacobeo das peregrinacións por esta vía”. A maior abastanza, desde a formación nacionalista fan fincapé no feito de que “a existencia de distintos hospitais de peregrinos, nos actuais concellos de Celanova ou Verea, son unha nova constatación de que estamos en presenza dunha vía de peregrinación de carácter xacobeo”.

Segundo Tabarés, “vai para tres anos que o Consello da Xunta asinou un convenio de colaboración co Centro Superior de Investigacións Científicas que ía permitir avaliar o recoñecemento de itinerarios históricos, entre eles, o Camiño de San Rosendo, sen que conste o alcance do resultado do estudo a efectos da cualificación como Xacobeo da indicada peregrinación”. 

No BNG insisten en que “a realidade actual é que, a pesares da ausencia de consideración por parte da Xunta de Galiza como Xacobeo e da precariedade dos servizos, numerosas son as persoas que desde Portugal ou desde Galiza están a realizar a peregrinación, selando a Compostela en diferentes lugares do traxecto, como a oficina municipal de Turismo de Celanova”, feito que motiva que desde o BNG e a través do Parlamento galego, “instemos ao Executivo galego a impulsar o recoñecemento e cualificación como Xacobeo do Camiño de San Rosendo.”

O BNG solicita o recoñecemento do Camiño de San Rosendo como Camiño Xacobeo