O BNG advirte da necesidade de que o novo PXOM conte coa “máxima seguridade xurídica”

Rhut Reza, Xosé Manuel Puga, Luís Seara e Erea Blanco
Rhut Reza, Xosé Manuel Puga, Luís Seara e Erea Blanco

Na formación nacionalista amosan a súa preocupación diante das moitas dúbidas existentes e reflexadas nos informes que forman parte do expediente, “relativas á seguridade xurídica do Plan polo procedemento seguido e as decisións adoptadas ao longo de todo este tempo”

O BNG advirte da necesidade de que o novo PXOM conte coa “máxima seguridade xurídica”

Ourense, 21 de novembro de 2024. No día de onte, o Grupo municipal do BNG no Concello de Ourense puido, por fin, acceder a parte do expediente relativo ao novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), o cal foi remitido recentemente á Xunta de Galiza para a súa análise e avaliación.

Logo dunha primeira avaliación da documentación facilitada e agardando a poder facer unha valoración máis polo miúdo unha vez “sexa remitida ao Grupo municipal”, ao BNG chámalle poderosamente a atención, “as dúbidas existentes, e así se reflexa en diferentes informes que forman parte do expediente, en relación á seguridade xurídica de todo o prodecemento administrativo seguido ao longo deste tempo”.

O Portavoz nacionalista Luís Seara refírese concretamente “ás moitas dúbidas existentes en torno a se o procedemento de aprobación das modificacións levadas a cabo pola Alcaldía foi a través do Órgano competente ou non, sobre se as modificacións supoñen unha modificación sustancial do Plan, o que obrigaría a unha nova exposición pública do mesmo ou non, ou sobre as posíbeis indemnizacións ás que tería que facer fronte o Concello no futuro e referidas a algúns dos cambios introducidos”.

Segundo Seara, “un documento desta embergadura e importancia ten que ter máximas garantías desde o punto de vista procedimental e polo tanto máxima seguridade xurídica”, e engade, “non pode quedar resquicio algún a que por un defecto de forma ou por unha mala aplicación ou interpretación dun procedemento, o Plan poida rematar na Xustiza nun futuro e mesmo ser anulado pois as consecuencias para o Concello serían altamente gravosas”.

No BNG abogan igualmente por unha nova exposición pública do Plan xa que, tal e como sinala Luís Seara, “desde a exposición anterior pasaron moitos anos e ademais introducíronse modificacións que se ben é certo, os técnicos sinalan non son substanciais para xustificar unha nova exposición, entendemos que son da suficiente entidade como para ser coñecidas pola veciñanza no seu conxunto”.

En relación ao anterior, Seara alude a unha das recomendacións que figuran no ditame solicitado externamente sobre a legalidade das modificacións introducidas e no que literalmente se di, “cecais resulte máis adecuado, desde o punto de vista de garantir a impecabilidade do procedemento de aprobación da revisión do PXOM, optar por realizar o novo trámite de exposición pública se, finalmente, se incorporan as modificacións propostas”.

No BNG agardarán en todo caso a coñecer o informe que agora debe emitir a Xunta de Galiza en quen depositan a responsabilidade de asegurar “que o novo PXOM conta con plena seguridade xurídica”.

 

O BNG advirte da necesidade de que o novo PXOM conte coa “máxima seguridade xurídica”