O BNG defende a sanidade pública na Deputación de Ourense mentres o PP ataca ás familias das plataformas en defensa da pediatría da Limia e do Carballiño presentes no pleno.
Bernardo Varela “evidenciouse a lamentábel situación da sanidade pública galega á que nos ten arrastrado o Partido Popular nos seu catorce anos de goberno.”
Bernardo Varela , voceiro do grupo provincial do BNG, defendeu a moción do BNG ante o pleno provincial en defensa da sanidade pública e concretamente na provincia de Ourense. Contouse ademais, durante o pleno, coa intervención dos representantes dos pais e nais das plataformas en defensa da pediatría da Limia e do Carballiño .
Os representantes de pais e nais das plataforma en favor da pediatría na Limia e a plataforma en defensa da pediatría na comarca do Carballiño relataron no transcurso do pleno as problemáticas situacións que padecen, uns representantes que foron atacados polo Partido Popular, acusando a pais e nais de intereses partidistas nas súas reivindicacións e mobilizacións. Unha actitude que desde o BNG nos parece fora de lugar, sinalou Varela, engadindo que esa actitude do PP é como se a supresión dos pediatras nos meses de novembro e en meses máis recentes fora provocada polos pais e non pola inexistente xestión da xerencia de Ourense.
O Partido Popular votou en contra das mocións do BNG e PSOE e non comprendeu o alcance que ten a sanidade pública como un valor fundamental do Estado do benestar e tentou por en entre dito os datos que ofreceu o BNG.
O BNG presentou datos que sinalan listas de agarda que superan o centenar de días para unha atención sanitaria en especialidades na nosa provincia; datos que indican listas de agarda superiores a sete días para poder ser atendido polo médico de cabeceira; datos que indican que en moitas partes da nosa provincia non están os médicos para atender no centro de saúde, nin os pediatras para atender aos rapaces e rapazas nos seus centros de referencia.
E despois o PP, a través dos seus representantes, é capaz de atacar á cidadanía indicando que os pacientes son uns irresponsables por ir ás urxencias. “Esto é algo que ten que rematar, é unha situación que se ven arrastrando desde fai anos e que desde logo desde o Bloque Nacionalista Galego nos propoñemos solucionar a partir do 18 de febreiro , xa que o PP nin está nin se lles espera, facendo unha deixadez de funcións e a través do seu goberno na Xunta de Galiza semella que quere rematar coa atención pública na sanidade e non o vamos a permitir .”