As continuas reclamacións das concesionarias de Servizos municipais son, para o BNG, “unha lousa máis na xa de por si delicada situación económica do Concello de Ourense”

DSC_2744
Contedores de lixo na Praza do Correxidor

Segundo o Grupo municipal do BNG, “as reclamacións de boa parte das concesionarias que continúan a día de hoxe a prestar servizos en precario ou cos contratos caducados non figuran na contabilidade oficial do Concello mais supoñen unha lousa de preto de 25 millóns de euros que haberá que asumir máis pronto que tarde”

No BNG advirten que a UTE do Servizo de recollida de lixo ECOURENSE “xa presentou recurso diante do Xulgado do Contencioso-Administrativo por un importe de 2.073.028,96 euros”

As continuas reclamacións das concesionarias de Servizos municipais son, para o BNG, “unha lousa máis na xa de por si delicada situación económica do Concello de Ourense”

Ourense, 14 de xaneiro de 2024. Que o Concello de Ourense se atopa nunha situación moi delicada desde o punto de vista económico é algo que o Grupo municipal do BNG ven denunciando desde hai meses. A falta duns orzamentos aprobados e actualizados e a mala xestión dos recursos económicos sitúan ao Concello “ao borde da quebra técnica” tal e como asegura o Portavoz dos nacionalistas Luís Seara.

Á xa de por si caótica situación, con preto de 13 millóns de euros de débeda a proveedores, o que provoca atraso nos pagamentos hai que engadirlle a práctica totalidade das concesións administrativas cos contratos xa caducados ou en precario, “algo que tampouco sabemos se é por incapacidade ou intencionado”. Para o BNG, afirmar, como fai o Alcalde, que unha concesión en precario é máis rendible económicamente que unha actualizada, “soamente pode responder a dúas posibilidades, ou por absoluta ignorancia ou para pretender enganar á veciñanza”.

E é que o BNG basea a súa denuncia no feito de que a día de hoxe, boa parte das empresas que están a prestar servizos para o Concello de Ourense con contratos xa caducados, “non deixan de presentar reclamacións diante do actual Goberno Local reivindicando que se lles abonen as cantidades reais do custe da prestación do servizo e non en base aos contratos xa extintos”.

O caso máis palmario é o da UTE ECOURENSE, encargada do Servizo de limpeza urbana e recollida e transporte de residuos sólidos urbanos no Concello. Segundo Luís Seara, “o pasado 1 de abril de 2022 remataba a prórroga que figuraba no contrato asinado en xaneiro de 2010 e polo tanto a vixencia do contrato sen que por parte do actual Goberno Local se tivese a previsión suficiente como para ter adxudicado un novo e evitar así que o servizo pasase a prestarse en precario”.

Seara engade, “o máis preocupante é que desde entón e por incapacidade manifesta deste Goberno para chegar a un acordo coa concesionaria no referido a de que maneira e en base a que prezos se ía seguir prestando o servizo unha vez a relación contractual entre Concello e UTE rematou, está a provocar continuas reclamacións no que ten que ver co pagamento das facturas que a concesionaria xira mensualmente ao Concello pero que este non abona na súa integridade, senón a parte correspondente aos prezos que figuraban no contrato”.

Este feito está a provocar que por exemplo, entre abril de 2022 e decembro dese mesmo ano, a cantidade reclamada por ECOURENSE ascenda a algo máis de 2.073.000 euros e que a cantidade total, sumando as cantidades mensuais reclamadas ao longo de 2023, algo máis de 2.700.000 euros, ascenda a un total, a día de hoxe, de 4.784.661,68 euros, “cantidade que non aparece recollida na contabilidade municipal, que sigue aumentando mes a mes e que a UTE xa ten, cando menos unha parte dela, reclamada no xulgado”.

Seara lembra o acontecido coa empresa prestadora do Servizo de transporte público de viaxeiros, tamén en precario, “a cal reclamou xudicialmente, a xustiza deulle a razón e agora todas e todos os ourensáns estámoslle a pagar até un 6% máis en base ao beneficio industrial”.

Desde o Grupo municipal do BNG sinalan que “os cálculos feitos polos técnicos municipais e que figuran en varios informes, sitúan a cantidade total das reclamacións ás que o Concello tería que facer fronte por ter as concesións caducadas en torno a uns 25 millóns de euros, cantidade que para os nacionalistas “irase incrementando namentres non se adxudiquen os novos contratos”, ao que engaden, “cantidade que oficialmente non figura na contabilidade pero que hai que ter moi en conta pois o Concello máis cedo que tarde, vai ter que facer fronte a ela se non na súa totalidade si nunha porcentaxe moi elevada”.

Luís Seara conclúe afirmando que “a errática e nefasta xestión económica do actual Goberno Local sitúa ao Concello nunha situación económica moi delicada, algo que vimos denunciando desde o BNG hai moitos meses e que vai provocar máis cedo que tarde ter que adoptar medidas drásticas como pode ser a suba de impostos, algo que por certo o Alcalde xa asegurou ía acontecer”.

As continuas reclamacións das concesionarias de Servizos municipais son, para o BNG, “unha lousa máis na xa de por si delicada situación económica do Concello de Ourense”