O BNG demanda explicacións á Xunta de Galiza sobre a atención ás solicitudes de intervención en Ourense fronte á presenza de avespa velutina
Iago Tabarés denuncia no Parlamento de Galiza a escasez de medios da Xunta, como o incumprimento de SEAGA para facer fronte á proliferación de velutina o que está obrigando aos concellos a atender a retirada de niños de velutina para o que non contan con medios abondo.
O deputado do BNG no Parlamento de Galiza, Iago Tabarés, voltou rexistrar unha iniciativa parlamentaría máis para esixir explicacións á Xunta pola xestión que está a facer ante a proliferación de avespas velutinas, a raíz do acontecido no concello de Melón.
O parlamentario nacionalista esixe que se clarifique que días e que horas a Xunta recibiu solicitudes para a retirada e neutralización do niños de velutina en Melón, en cales se procedeu á realización de intervencións de retirada/neutralización en Melón; cal foi a empresa encargada das intervencións; cantas chamadas advertiron da presenza de niños de velutina na provincia de Ourense no que vai de ano; cantos niños de velutina se retiraron no que vai de ano e cantos foron por intervención de SEAGA e cantos por outros medios. Tabarés tamén esixe á Xunta que dé explicacións sobre cal foi a hora en que a Xunta de Galiza tivo coñecemento do ataque de avespas velutinas ao veciño de Melón, e cal a da chegada da asistencia médica.
Tras o tráxico acontecemento ocorrido en Melón o pasado 26 de agosto que supuxo o pasamento dun veciño vítima do ataque de avespas velutinas e as declaracións do alcalde do concello nas que afirmaba que o problema de velutina no concello fora notificado á empresa pública SEAGA sen que se producira ningunha solución, desde o BNG lémbranlle á Xunta de Galiza que dende hai tempo diversos apicultores, tanto de Ourense como de outras comarcas de Galiza, veñen denunciando a demora da Xunta de Galiza na atención das chamadas para a retirada/neutralización de niños de velutinas. Excedendo non só do prazo de 5 días hábiles previsto no Convenio da Xunta de Galiza, senón que en moitos casos non consta intervención algunha por parte de SEAGA.
Esta situación xa foi igualmente denunciada por medio de diversas iniciativas parlamentares polo BNG, lembra Iago Tabarés, nas que se constataba tanto da falla de cumprimento do Convenio, como da escaseza de medios da Xunta de Galiza para facer fronte ao crecente problema de proliferación da avespa velutina que implica un risco cada vez maior para a seguridade e saúde das persoas e dos animais, como para as propias explotacións apícolas.
Igualmente no BNG constatamos, sinala o deputado ourensán, e así trasladamos á Xunta de Galiza por medio do Parlamento de Galiza, as queixas de moitos Concellos que informaban que os incumprimentos por parte de SEAGA estaba a obrigar ás Entidades Locais a atender urxencias para a retirada de niños de velutina, para o que non contan con medios abondos para tal fin.
Tabarés sinalou finalmente que que “a falla de contestación e resposta ás preguntas e demandas do BNG semella son consecuencia da neglixencia da Xunta de Galiza tanto no cumprimento das súas obrigas co Parlamento de Galiza, como o que non é menos grave, das súas responsabilidades na eliminación/neutralización de niños de velutina e de medidas para evitar a cada vez máis preocupante proliferación desta especie invasora.”