O BNG insiste na necesidade de corrixir o proxecto previsto para o paso a nivel de Peliquín

Paso a nivel de Peliquín

Desde a formación nacionalista defenden, ao igual que a veciñanza e os técnicos consultados, que ao non iniciarse aínda as obras, “estamos a tempo de corrixir un proxecto que de executarse tal e como está previsto condenaría ao barrio ao seu illamento

O BNG insiste na necesidade de corrixir o proxecto previsto para o paso a nivel de Peliquín

Ourense, 04 de setembro de 2023. Unha das principais demandas veciñais que a día de hoxe continúan enriba da mesa e na que o BNG ten incidido tanto a nivel municipal como a través de Néstor Rego no Congreso dos Deputados ten que ver co proxecto deseñado polo ADIF para a entrada da alta velocidade na cidade e que contempla, entre outras actuación, a supresión do actual paso a nivel existente en Peliquín e a súa substitución por una pasarela elevada, a uns 400 metros do paso actual e soamente para peóns, suprimindo o tráfico que circula actualmente na zona e que comunica a Ponte e Oira.

A veciñanza, ao igual que a formación nacionalista, tense manifestado en varias ocasións contraria a este proxecto, solicitando a modificación do mesmo cunha proposta alternativa que, segundo os técnicos consultados, “é plausible e viable técnicamente”. Dita proposta pasa pola “construción dun paso soterrado no lugar do actual en superficie que permita manter tanto o tránsito de peóns coma o de vehículos”.

Desde o BNG, a Asociación de veciños de Peliquín-Catro camiños como técnicos consultados afirman que “ao non terse iniciado e nin tan sequera licitado as obras deste tramo en concreto e existindo solucións técnicas practicables dentro das afeccións estudadas polo estudo informativo, soamente é cuestión de vontade política do MITMA, RENFE e o ADIF”.

Desde o BNG insisten na necesidade de que o Concello dea un paso a fronte para o cal o Portavoz municipal do BNG Luís Seara, pídelle ao actual Rexedor que “se dirixa ao Ministerio, aproveitando a participación municipal no convenio marco de colaboración asinado en xuño de 2016 entre o Ministerio, a Xunta, o Concello e o ADIF para o desenvolvemento da futura estación intermodal de Ourense e o seu entorno urbano”.

Os nacionalistas entenden que, “tal e como afirman os técnicos consultados ademais de modificar a solución da pasarela superior por un paso inferior, poderíase conquerir o establecemento dun vial de altura limitada para vehículos para o cal, sería precisa a ocupación dunha parcela pertencente en todo caso a un Ente público como é RENFE”.

Seara adianta que “desde o BNG imos seguir insistindo en que se adopte a solución menos lesiva para os intereses da veciñanza da zona e polo tanto, para os intereses da veciñanza de Ourense no seu conxunto”.


 

O BNG insiste na necesidade de corrixir o proxecto previsto para o paso a nivel de Peliquín