O BNG demanda recuperar as frecuencias e horarios dos transportes colectivos suprimidos coa pandemia
Bernardo Varela denuncia que as frecuencias das liñas de bus que dan servizo de conexión de Galiza coa meseta imposibilitan a volta semanal ao país de traballadores desprazados e merma aínda máis a mobilidade interior, xa moi deficitaria.
O grupo provincial do BNG demanda recuperar a normalidade previa á pandemia que permita cando menos un servizo de bus diario.
O voceiro do grupo provincial do BNG na Deputación de Ourense, Bernardo Varela, ao igual que xa fixo no mes de maio, fai un chamamento público aos responsables institucionais para recuperar os transportes suprimidos durante a pandemia, á vez informa que trasladará unha demanda ao pleno da Deputación de Ourense para esixir que o goberno do ente provincial se implique na recuperación das frecuencias e horarios dos transportes colectivo, tanto de buses como de trens.
A empresa que conecta Vigo con Madrid, AVANZA, ven de establecer neste mes de setembro novas frecuencias que imposibilitan a moitos traballadores e traballadoras voltar a Galiza nin nas fins de semana. Esta redución nos servizos ven a sumarse ás supresións establecidas co gallo da pandemia e que non se recuperaron a pesar da demanda do BNG no mes de maio.
Tal como informaba o voceiro do grupo provincial do BNG no mes de maio de 2021, “este transporte que iniciaba o seu percorrido diario en Vigo con paradas en varios puntos da provincia de Ourense, permitindo aos traballadores ir e vir diariamente aos seus postos de traballo fora de Galiza, viuse reducido a só catro días á semana”; o que o levou ao BNG a facer un chamamento público e trasladar esta problemática ao pleno provincial de Ourense.
O sindicato CCOO comunicou que “a empresa empeñouse na redución sistemática de frecuencias nos servizos”, […] “ unha situación abusiva que non se corresponde co comportamento doutras empresas do sector que si están aproveitando a recuperación económica e están recuperando a totalidade dos seus servizos e transportando moitos viaxeiros”. “[A empresa] ten ordes dos propietarios de non sacar nin un só servizo que non se vai encher…”. E isto a pesar de ser unha empresa que chegou a percibir 2,5 millóns de euros en subvencións.
A situación sobrevida polas restricións da pandemia e que levaron á redución de frecuencias, obrigando aos traballadores a ter que asentarse durante o período laboral perto dos seus postos de traballo, e a moita veciñanza a ver reducida a súa mobilidade, non só non se está solventando coa mellora da situación sanitaria senón que continúa agravandose aínda máis coas novas frecuencias.
"Resulta imperativo que as institucións públicas que se están mantendo de brazos cruzados ante esta situación actúen para recuperar a plena normalidade con medidas que permitan recuperar cando menos un servizo de transporte diario, polo que voltaremos levar este problema á Deputación de Ourense", declara o voceiro nacionalista.
Por iso, indica Varela, desde o BNG esiximos ás institucións que deben velar polo cumprimento das boas condicións do transporte público, que estas as fagan cumprir e que non se lles permita ás empresas facer o que lles praza.