O BNG denuncia a ausencia de planificación real contra os incendios forestais e reclama unha estratexia que poña o rural no centro.

Sonia Vidal Deputada do BNG de Ourense
Sonia Vidal Deputada do BNG de Ourense

Sonia Vidal “Non se trata só de apagar incendios, senón de evitar que comecen e se estendan. O que está en xogo non é só o noso patrimonio natural, senón tamén a seguridade e o futuro das nosas vilas e aldeas”

O BNG denuncia a ausencia de planificación real contra os incendios forestais e reclama unha estratexia que poña o rural no centro.

A vaga de lumes destes días volve deixar en evidencia a falta dunha política integral de prevención por parte da Xunta. O incendio declarado en Chandreixa de Queixa, que afecta a perto de 800 hectáreas e ameazou o Parque Natural do Invernadoiro, e o lume de Maceda, que levou ao decreto de nivel 2 pola proximidade ao núcleo da Teixeira, con varios focos iniciados sobre as 23:00 horas, ademais doutros lumes destes días como o de Vilariño de Conso, o de Vilamaior do Val en Verín, o de Padrenda, ou o de Vilardevós, amosan que seguimos respondendo sen unha planificación previa que reduza o risco de que estas situacións se repitan.

 

A deputada do BNG Sonia Vidal sinalou que “non estamos diante dun problema inevitable nin dunha cuestión que só dependa da climatoloxía. A realidade é que a Xunta continúa sen activar unha planificación efectiva que priorice a prevención sobre a extinción, nin unha coordinación real cos concellos e coas persoas que traballan e viven no rural”.

 

Vidal subliñou que “cada ano repetimos o mesmo guión: reaccionar cando o lume xa está activo, en vez de traballar durante todo o ano para anticiparnos e minimizar o risco. Con medidas axeitadas de xestión do territorio, de diversificación das especies forestais e de mantemento das faixas de protección, poderiamos evitar boa parte destas situacións”.

 

O BNG propón que o Plan de Prevención de Incendios Forestais da Xunta inclúa actuacións continuas ao longo do ano: limpeza e mantemento de faixas, recuperación de masas autóctonas, apoio á fixación de poboación no rural e creación de redes locais de vixilancia. Tamén reclama a profesionalización e mellora das estruturas de coordinación, especialmente entre administracións e sector primario.

 

“Non se trata só de apagar incendios, senón de evitar que comecen e se estendan. O que está en xogo non é só o noso patrimonio natural, senón tamén a seguridade e o futuro das nosas vilas e aldeas”, concluíu Sonia Vidal.

 

Desde o BNG agradecen os traballos do dispositivo despregado ante este desastre, que demostrou unha capacidade profesional, adicación e esforzo humano ante os lumes que está evitando, sen lugar a dúbida, que as perdas sexa maiores. Desde a organización nacionalista brindanlles o seu máis profundo recoñecemento polos seus méritos en condicións tan adversas.  

O BNG denuncia a ausencia de planificación real contra os incendios forestais e reclama unha estratexia que poña o rural no centro.