O BNG denuncia o “Prestige de Sarreaus” e esixe á Xunta a retirada do barco afundido na contorna da lagoa de Antela que está contaminando as augas coa súa carga de gasoil.

Bernardo Varela, Sonia Vidal, Agustín Martínez, María Manga contorna da lagoa co barco afundido de fondo
Bernardo Varela, Sonia Vidal, Agustín Martínez, María Manga contorna da lagoa co barco afundido de fondo

Sonia Vidal levará este problema ao Parlamento de Galiza para que a Consellería de Medio Ambiente asuma as súas responsabilidades.

O BNG denuncia o “Prestige de Sarreaus” e esixe á Xunta a retirada do barco afundido na contorna da lagoa de Antela que está contaminando as augas coa súa carga de gasoil.

Os cargos institucionais do Bloque Nacionalista Galego, Agustín Martínez, portavoz do BNG de Sarreaus; Sonia Vidal, deputada do BNG; María Mangana, deputada provincial e Bernardo Varela, portavoz do grupo provincial do BNG na Deputación de Ourense, achegaronse ao concello de Sarreaus para denunciar a situación de grave deterioro ambiental por contaminación que se está a vivir na contorna da lagoa de Antela, pola presenza dun barco afundido parcialmente que contén máis de 5.000 litros de gasoil, e que leva filtrando contaminantes desde hai dúas décadas sen que se tomaran medidas efectivas para poñer fin ao vertido.

O concelleiro do BNG en Sarreaus xa levou esta problemática a pleno, onde o goberno local recoñeceu o problema pero non tomou ningunha medida. “Isto foi levado ao pleno do Concello de Sarreaus. Alí díxose que si, que é necesario sacalo, pero ninguén é responsable disto”, declarou Agustín Martínez Folgoso, voceiro nacionalista no concello de Sarreaus, quen denuncia o abandono absoluto por parte do Concello e da Xunta de Galiza ante esta problemática.

A actual propietaria é a empresa Aliseda, vencellada ao Banco Santander, e sobre a que non se impuxo ningunha obriga legal para retirar os restos nin deter o vertido. “Ninguén puxo ningún tipo de obriga á debandita empresa. E, polo tanto, teremos que levalo a outras instancias para ver se desta forma se resolve o problema”, sinalaba “Tín” como é coñecido o voceiro do BNG de Sarreaus.

Diante desta situación, a deputada do BNG no Parlamento de Galiza, Sonia Vidal, anunciou que levará esta problemática ao Parlamento de Galiza  para que a Consellería de Medio Ambiente asuma as súas competencias e interveña de maneira inmediata. “Estamos ante un claro exemplo de abandono da Xunta e da Consellería de Medio Ambiente coa Limia. Hai un plan estratéxico metido nun caixón, e este é só un exemplo máis das consecuencias de non actuar”, denunciou a parlamentaria nacionalista.

Bernardo Varela, portavoz do grupo provincial do BNG na Deputación de Ourense, lembra que o barco abandonado é resultado dunha explotación fallida que rematou no ano 2009 tras un accidente mortal, e que desde aquela permanece na lagoa sen control, converténdose nun foco constante de contaminación nun dos espazos naturais máis sensibles das comarcas de Ourense.

Desde o BNG esíxese a retirada inmediata da embarcación, a descontaminación da zona e a restauración ambiental do espazo afectado, así como a asunción de responsabilidades por parte das administracións e empresas implicadas.

O BNG denuncia o “Prestige de Sarreaus” e esixe á Xunta a retirada do barco afundido na contorna da lagoa de Antela que está contaminando as augas coa súa carga de gasoil.