O BNG traslada ao Parlamento galego as deficiencias detectadas na atención pediátrica do Carballiño e esixe á Xunta medidas correctoras urxentes
A formación nacionalista ven de rexistrar unha iniciativa parlamentar para, segundo a deputada Noa Presas, autora da mesma, “coñecer cales son as medidas que prevé o Goberno galego para blindar o servizo pediátrico no Carballiño ante a xubilación dunha das profesionais, para solicitar o impulso de medidas urxentes para garantir a cobertura de todas as prazas de pediatría así como a cobertura do servizo en horario de tarde e urxencias e o reforzo de xinecoloxía e do servizo de matroas”
Ourense, 25 de setembro de 2023. O Grupo Parlamentar do BNG no Pazo do Hórreo, volve incidir na crítica situación na que se atopa a atención primaria en xeral e a pediátrica en particular como consecuencia da falta de planificación e de investimento económico por parte do Goberno galego. A deputada por Ourense Noa Presas ten claro que esta situación ven derivada das políticas que durante os últimos anos está a levar a cabo o PP á fronte da Xunta de Galiza.
Segundo denuncia Noa Presas, “a Xunta investiu 1.200 millóns de euros menos neste servizo, e de contarmos o impacto da inflación hoxe tería 300 millóns de euros menos do que no ano 2009. Así, Galiza é a penúltima comunidade do Estado en canto a investimento en atención primaria, 11.8% fronte ao 14.2%, é a sexta pola cola en gasto por habitante e a cuarta pola cola en gasto de persoal sanitario”.
“Así mesmo, aínda que as asociacións profesionais estiman que nos próximos anos se xubilarán arredor de 80 pediatras, o Goberno galego segue sen planificar o seu relevo, afondando na precariedade da asistencia pediátrica”.
O BNG denuncia que unha das poboacións que vén sufrindo esta situació é a do Carballiño, que acumula problemas de cobertura da pediatría ademais de continuar necesitando o reforzo de xinecoloxía ou das matroas. Tal e como afirma a deputada Noa Presas, “no Carballiño até o momento estaban a contar cunha praza e media de especialista que, ante unha xubilación, se ve reducida sen que o Goberno galego faga público como vai manter e garantir o servizos para unha localidade de máis de 14.000 habitantes”, e engade, “pais e nais da zona denunciaron a finais de setembro dificultades para obter cita e mesmo a suspensións do servizo”.
Ante esta situación, a formación nacionalista trasladará ao Parmalento galego esta problemática co obxecto de coñecer, tal e como enuncia Presas, “cales son as medidas que prevé o Goberno galego para blindar o servizo pediátrico no Carballiño ante a xubilación dunha das profesionais e en todo caso, instamos á Xunta de Galiza a impulsar as medidas urxentes necesarias para garantir a cobertura de todas as prazas de pediatría do Carballiño así como a planificar a cobertura do servizo en horario de tarde e urxencias e o reforzo de xinecoloxía e do servizo de matroas”.