O BNG denuncia que Jácome está convertindo Ourense nunha cidade "zombi"
Cúmprense 200 días sen actividade cultural, namentres no resto de municipios sí se está programando dentro das limitacións existentes
Ourense, 04 de agosto de 2021. O Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense manifestou públicamente este martes o seu malestar polo feito de que Ourense leve 200 días co auditorio fechado e sen actividade cultural.
Para a concelleira Rhut Reza, "é insoportábel que o Auditorio Municipal, pagado cos cartos de toda a veciñanza leve 200 días pechado ás artes escénicas e que tampouco haxa programación cultural de ningún outro tipo".
Segundo Rhut Reza, "o alcalde Jácome atopou na Covid-19 a escusa perfecta para desmantelar todo o tecido cultural. Un tecido cultural que desde sempre tivo tradición en Ourense. Jácome está privando ás veciñas e veciños de actividades e programación que contribúa a paliar a xa de por sí difícil situación económica e social na que nos atopamos. Parece que vivimos nunha cidade zombi".
E é que como lembran desde o BNG, "a actividade cultural repercute económicamente en sectores tan importantes como é a hostalería ou o pequeno comercio, así como no turismo, ao tempo que contribúe a dinamizar a vida social da cidade".
Por outra banda, desde a formación nacionalista tamén lamentan a cancelación da programación prevista polo Cineclube Padre Feijóo ao non poder facer fronte ás taxas esixidas polo concello e cuestionan a actitude do mesmo, quen amosa "unha nula sensibilidade e capacidade de colaboración", e engaden, "o concello non só non programa senón que dificulta que outros o poidan facer".
Ante esta situación, desde o BNG anuncian que levarán a pleno unha moción para a actualización da Ordenanza Reguladoras das Taxas polo Aproveitamento ou Utilización da Vía Pública e exonerar a aquelas organizacións, asociacións ou colectivos que organicen eventos ou campañas sen ánimo de lucro na vía pública. Cuestión que xa foi debatida no seu día en pleno e que concituou o apoio unánime de toda a corporación, incluído o de Democracia Ourensana, quen agora, e unha vez máis, incumpre un acordo plenario.