O BNG lamenta que pese ao aumento notable de visitantes, un dos grandes atractivos turísticos de Ourense, o termal, permaneza pechado e cunhas instalacións en total abandono
Lamentamos a imaxe coa que se atopan os visitantes cando se achegan ás zonas termais da cidade. Pozas pechadas, instalacións abandonadas e camiños cheos de maleza é o recordo que se levan
Ourense, 10 de agosto de 2021. Nos últimos días, e mesmo no último pleno a concelleira delegada de termalismo e turismo, Flora Moure, congratulábase dos datos de visitantes do pasado mes de xullo. Uns datos que manteñen a súa tendencia a alza e que fan que estean sendo moitos os visitantes que percorren as rúas da nosa cidade.
Por desgraza, e segundo o BNG, a imaxe e o recordo que se levan cando acoden a un dos grandes reclamos e potenciais turísticos como é o termalismo, é lamentable. Pozas pechadas, instalacións nun estado total de abandono e sendeiros cheos de maleza, reciben aos centos de visitantes que se laian da penosa situación.
Desde o BNG lamentan igualmente que a concelleira delegada iniciara o seu periodo vacacional sen ter resolta a reapertura das termas e sen ter establecido un plan de limpeza e posta ao día de todas as instalacións.
A escusa da pandemia non pode abranguelo todo polo que desde o BNG reclaman actuacións urxentes que permitan mellorar a imaxe que ofrecen as instalacións termais, supondo nalgúns casos mesmo un risco para a seguridade das persoas ao existir arquetas abertas e mesmo maquinaria moi custosa á vista e sen ningún tipo de vixilancia.
O PP volveu ao goberno para, segundo eles, darlle estabilidade a Ourense e sacala da parálise e do caos. Mais o certo é que a día de hoxe e en materia de turismo e termalismo, a asunción de competencias por parte dos populares lonxe de ter sido un impulso, está supondo a continuidade no desleixo e o abandono.