O BNG denuncia que a Xunta ocultou a paralización do CAPD desde agosto de 2021 e a modificación de prazos desde novembro
O BNG tivo acceso a documentación que confirma que UTE e Xunta acordaron en novembro de 2021 a suspensión temporal do contrato e modificación do prazo de execución sen informar ás familias .
A Xunta sabía en febreiro de 2021 que os atrasos na obra ían chegar cando menos a xullo de 2022 e ocultouno.
Noa Presas, deputada nacionalista por Ourense, vén de confirmar que na documentación que o BNG solicitara ao goberno galego respecto das demoras do CAPD de Ourense confírmase que a Xunta leva meses ocultando información ás familias e á sociedade de Ourense e que non houbo capacidade de anticipación.
Segundo a información á que tivo acceso, Presas afirma que “ a UTE comunicou xa o 18 de agosto de 2021 a imposibilidade para afrontar as obras e na documentación coñécese que a Xunta de Galiza sabía desde febreiro de 2021 que a obra prevía rematarse con 4 meses de atraso, en xuño de 2022 e non en febreiro/marzo. Resulta escandaloso que a Xunta non informase desta situación ás familias e que unha vez recibida a comunicación de agosto non respondese ata o mes de novembro”.
Ademais, a voceira nacionalista sinala que “o 16/11/2022 a Xunta propón a modificación do prazo de execución do contrato mediante a suspensión temporal do contrato e obras de construción do Centro de atención a persoas con discapacidade en Ourense (Expediente 79/2019) por causas imprevistas e por razón de salvagarda interese público. A empresa aceptou esta suspensión o 23 de novembro e a Xunta ocultouno, sen informar á sociedade ourensá nin ás familias”.
Ademais, hoxe a Xunta segue a ocultar información, xa que só remite a documentación respecto da modificación do prazo de execución do contrato e non dá información a respecto do novo procedemento que a Xunta dixo que ía iniciar cando respostou ao BNG en sede parlamentaria o pasado 17 de marzo.
Desde o BNG avanzan novas iniciativas e demandan “que a Xunta se sente coas familias para dar información adecuada e precisa dos novos prazos e que de inmediato saquen o novo procedemento contractual para que canto antes se poida continuar a obra. Ademais insistimos en que a xestión debe ser pública e directa”.