O BNG denuncia os recortes e a precariedade laboral das traballadoras e traballadores da limpeza do campus de Ourense
As nacionalistas rexistraron ao longo das últimas semanas unha serie de iniciativas no Parlamento galego no que reclaman información sobre as condicións nas que se está prestando o servizo ao tempo que mostran o seu apoio as traballadoras e traballadores actualmente en folga
Ourense, 15 de febreiro de 2021. O BNG amosa a súa preocupación ante a situación actual do servizo de limpeza no campus universitario de Ourense, motivo polo cal, ao longo das últimas semanas rexistraron unha batería de iniciativas no Parlamento de Galiza reclamando a implicación da Xunta, xa que estamos a falar de instalacións financiadas con cartos públicos, dun servizo esencial máxime nos tempos actuais de pandemia e onde se están vulnerando dereitos laborais.
A deputada Noa Presas lembra que "a comezos do curso escolar universitario, a Unión Comarcal da CIG de Ourense alertaba da situación de absoluta indefensión na que se atopaba o persoal de limpeza do Campus da Universidade en Ourense en plena segunda crise da pandemia do coronavirus. Dende a central reclamaban a contratación de máis persoal, protocolos claros de actuación, probas PCR e seguimento dos métodos de traballo. Porén, conforme avanza o tempo as medidas son insuficientes e é claro e manifesto o abuso da concesionaria Samyl sobre as traballadoras, maioritariamente mulleres, dun servizo esencial para unha adecuada limpeza dos centros".
Ante esta situación, as nacionalistas pídenlle á Xunta de Galiza que deixe de mirar cara outro lado e se implique activamente na resolución do conflito xa que, segundo Presas "cómpre salvagardar as condicións laborais das traballadoras, mais tamén ter en conta os efectos e a importancia dun servizo absolutamente esencial, e por tratarse de centros financiados con fondos públicos. A Xunta de Galiza debe posicionarse de lado das traballadoras e actuar como intermediaria neste asunto para garantir o cumprimento dos pregos de condicións e un adecuado servizo".
Nas últimas semanas o cadro de persoal de Samyl do campus norte da Universidade de Vigo en Ourense continúa coas mobilizacións para rexeitar os recortes no servizo, en concreto a eliminación de horas de traballo. Este incumprimento do prego de condicións da adxudicación por parte da empresa prodúcese, segundo alertan desde o BNG, coa permisividade da Universidade e ante a inacción tanto da Inspección de Traballo como da Consellaría de Sanidade, tal e como denuncia a forza sindical.
Noa Presas incide en que "é inaceptábel que durante unha pandemia, e máis aínda durante unha improtante vaga na que aumentan os casos, estean a cubrirse 25% menos de horas de limpeza". Ao tempo que lamenta que "tras denunciar os feitos ante a Inspección de Traballo e a Consellería de Sanidade aínda non teñen resposta, o cal indica a deixadez da administración pública neste asunto".
Por todo o exposto con anterioridade, o Grupo Parlamentario do BNG no Parlamento galego solicita instar á Xunta de Galiza, a impulsar unha mesa de traballo entre todas as partes para dar unha saída á falta de garantías de seguridade sanitaria e laboral das traballadoras da limpeza do Campus de Ourense e demandar da empresa concesionaria o cumprimento do prego de condicións, o desenvolvemento de todas as horas de traballo con todo o persoal necesario así como demandar da concesionaria e das administracións competentes o aumento de recursos humanos e materiais que sexa necesario para unha adecuada limpeza e desenvolvemento da actividade laboral durante a crise da COVID-19.