O Goberno do Estado emprega a escusa da COVID-19 como coartada para non contratar persoal e seguir co desmantelamento de servizos ferroviarios

rolda de prensa 11.02.21
Luis Seara, Noa Presas, Bernardo Varela e Iago Tabarés

A preocupación do BNG pola situación ferroviaria en Galiza e concretamente en Ourense vai en aumento como consecuencia das decisións que últimamente está adoptando o Goberno do Estado nesta materia

O Goberno do Estado emprega a escusa da COVID-19 como coartada para non contratar persoal e seguir co desmantelamento de servizos ferroviarios

Ourense, 11 de febreiro de 2021. A deputada Noa Presas e o deputado Iago Tabarés, acompañados polo concelleiro Luis Seara e o deputado provincial Bernardo Varela, deron conta esta mañá diante dos medios do desmantelamento que o Goberno Central está levando a cabo en materia ferroviaira no conxunto do país e nomeadamente en Ourense.

Noa Presas comezou a súa intervención, lamentando a situación sanitaria actual e concretamente a situación de Ourense, ao tempo que reclamou novamente á Xunta de Galiza o reforzo e aumento de medios tanto materiais como humanos no CHUO.

No referido á situación ferroviaria, a preocupación dos nacionalistas vai en aumento tendo en conta ademáis as últimas novas referidas a falla de seguridade nas vías, novos derrubes por falta de vixilancia e mantemento das liñas, moi especialmente na liña do Miño e tamén na liña Ourense-Santiago. "No que vai de ano xa houbo seis incidentes nas vías galegas por taludes e derrubes".

Para Presas "Isto é gravísimo, en ningún outro lugar do Estado hai un incidente cada semana que derive no peche de vías. Seguimos insistindo en que hai que auditalas para garantir a seguridade e investir o que sexa necesario antes de lamentar danos humanos".

Outra das cuestións ás que fixo referencia a deputada por Ourense é o feito de que "seguen sen reanudarse as liñas suspendidas coa desculpa da covid-19. Desde setembro malia as restricións sanitarias o certo é que a maior parte da actividade laboral e lectiva continúa funcionando pero seguimos sen tren Avant das 6:45 h. nin previsión de recuperación". Ao tempo que alertaba da "grave falta de persoal, que Foi en descenso durante os últimos anos, situación agravada desde finais de 2018". Para engadir, "as sucesivas xubilacións do persoal que alcanzou a idade de xubilación non foron repostas polas novas contratacións nin por medio de traslados dende as distintas residencias que a empresa RENFE ten no Estado".

Con todas estas actuacións, o BNG denuncia que o que realmente persegue o Estado é o  "desmantelamento do servizo. É unha folla de ruta calculada para seguir pechando estacións e liñas". Verbas corroboradas por diferentes organizacións das e dos traballadores, que alertaron desta cuestión nos últimos tempos, comezando 2021 coa convocatoria de varias xornadas de folga para febreiro e marzo.

RENFE segue a incumprir o Plan de Emprego dos anos 2020 e 2021 que se recollen no II Convenio Colectivo do Grupo RENFE do ano 2019 e aproveitando a pandemia para avocar o servizo a unha situación de non retorno. A falta de maquinistas está detrás da supresión de moitos trens.

Noa Presas adiantou que "desde o BNG sabemos que desde 2019 canceláronse máis de 130 trens por falta de persoal nas liñas entre Ourense-Lugo/Stgo/Vigo. Cada ano suspéndense máis de 60 trens porque non hai maquinistas e isto está pasando agora pese ao recorte de liñas".

"Sabemos que esta é a razón última de que moitos trens non se recuperen. Se mañá acabase a pandemia non habería capacidade para restaurar as liñas por falta de persoal. Galiza necesita incrementar o seu cadro de persoal de maquinistas en cando menos 21 prazas, das que cando menos 12 sería necesario localizar en Ourense".

Por todos estes motivos, avanzou que ademáis de seguir defendo a implantación do tren de cercanías en Galiza, como xa teñen Asturias, Cantabria ou Catalunya, de demandar o aumento de liñas e a rebaixa dos prezos, e de solicitar que se audite a seguridade das liñas o BNG quere alertar da grave falta de persoal.

Ao tempo que demandarán en todas as institucións o aumento de cando menos 21 prazas de maquinista en Galiza para garantir as condicións laborais do cadro de persoal e evitar novas suspensións de servizos así como garantir a recuperación daquelas liñas suspendidas coa desculpa da covid-19.

 

Bernardo Varela valora os últimos acontecementos na Deputación

A preguntas dos xornalistas, o deputado provincial do BNG, Bernardo Varela, afirmou que "diante da situación na que nos atopamos en xeral, o que estamos a ver na deputación é un show, un auténtico xogo de tronos", para engadir "a postura do BNG fronte o baltarismo está moi clara desde o primeiro momento, por nós, non quedou nas mans de Baltar a deputación hai dous anos".

Varela incidiu que "diante da posición de debilidade que actualmente ten o PP no ente provincial o que hai que mudar son as políticas". "Máis ala diso, a nós non nos chamaron en ningún momento, entendemos que, ou ben porquer non era un plantexamento o suficientemente serio e o BNG é unha forza política seria coa que hai que falar cando hai algo que facer, ou ben porque se da por entendida a postura do BNG ante o que poida acontecer".

"No BNG seguiremos traballando en todas as institucións con propostas en positivo, criticando todo o que sexa criticable pero pondo por diante o interse da veciñanza".

O Goberno do Estado emprega a escusa da COVID-19 como coartada para non contratar persoal e seguir co desmantelamento de servizos ferroviarios