O BNG ven de rexistrar alegacións aos tres macroproxectos eólicos previstos por unha firma norueguesa na provincia de Ourense e con gran afectación sobre o territorio

IMG_4079
María G. Albert, Noa Presas, Bernardo Varela e Iago Tabarés.

Anunciárono en rolda da prensa as deputadas e deputado por Ourense no Parlamento galego xunto ao tamén deputado provincial Bernardo Varela ao tempo que avanzan novas accións de ser o caso

O BNG ven de rexistrar alegacións aos tres macroproxectos eólicos previstos por unha firma norueguesa na provincia de Ourense e con gran afectación sobre o territorio

Ourense, 17 de febreiro de 2021. Esta mañá compareceron en rolda de prensa as deputadas e deputado no Parlamento de Galiza pola provincia de Ourense, Noa Presas, María G. Albert e Iago Tabarés, acompañados do tamén deputado pero desta volta na Deputación Bernardo Varela, co obxecto de avaliar e fixar o posicionamento do BNG en relación cos macroproxectos eólicos que unha importante firma norueguesa ten previsto desenvolver en amplas zonas da provincia de Ourense.

Foi Noa Presas a encargada de expor os motivos que levaron á formación nacionalista a presentar alegacións aos tres macroproxectos previstos por unha empresa norueguesa e que se extenden desde o Bierzo e o sur da provincia de Lugo e atravesa toda a comarca de Valdeorras ate a Serra do San Mamede e Pena Trevinca.

Para o BNG este macroproxecto non é positivo ademáis de vulnerar todas as garantías e intereses medioambientais e socioeconómicos de Ourense polo que, e segundo Noa Presas "ten que ser freado, actualmente atópase o documento inicial a consulta pública, paso previo da empresa para que a autoridade ambiental o avalíe e nós entendemos que ten que ser o paso previo e último deste proxecto".

Para Presas "o proxecto non pode seguir adiante" e engade, "estamos en realidade ante tres macroparques que son un mesmo proxecto que intenta fragmentarse en fraude de lei tal e como se fixo noutras zonas do país e que tería unha potencia de máis 400 megawatios, o que significa duplicar a potencia existente actualmente na provincia".

Outro dos elementos chave para o BNG é o feito de que o macroproxecto afecta a 25 zonas de especial protección do noso país. "25 zonas con diferentes categorías de protección tanto internacional como estatal e galego como pode ser a Rede Natura, zonas especiais de conservación de especies, plans de recuperación de especies en perigo de extinción ou mesmo territorios afectados por lumes forestais". A deputada Noa Presas advertiu de que por unha actuación similar, "a xustiza paralizou un parque no Concello de Mazaricos".

Presas aludía tamén ás augas da provincia xa que "este proxecto afecta tamén aos recursos hídricos da provincia, castigada nos últimos anos en varias zonas pola seca, polo que entendemos non hai garantías sobre as afectación das augas tanto superficiais como as soterradas e mesmo os humedais".

A deputada por Ourense quixo rematar facendo referencia as condicións socio-económicas do proxecto xa que segundo Noa Presas "movémonos nun marco de ao redor de 500 millóns de euros do que aos territorios afectados pola súa implantación apenas chega o 1% do total, ademáis de que nos proxectos non se garante a creación de postos de traballo aparte de afectar gravemente a outros ámbitos socio-económicos neses territorios vinculados ao sector agrogandeiro que si xera riqueza e postos de emprego nesas zonas".

O BNG denuncia que estos macroproxectos poñen en evidencia o descontrol existente na implantación eólica no noso país. Presas lembrou que o BNG "aposta polas enerxias renovables pero cun modelo ordenado e que garanta o control público e con retorno económico sobre o terriotorio, motivo polo cal o BNG seguirá traballando en todas as administracións con iniciativas para impedir este macroproxecto e para garantir que no futuro as actuacións que se leven a cabo teñan en conta o territorio, a coxuntura económico-social e o respecto ao medio ambiente e ao entorno no que se ubiquen".

As zonas afectadas polo macroproxecto na provincia e logo de ser troceado en tres proxectos serían: O Barco, Petín, Vilamartín, Larouco, San Xoan de Rio, Trives, Nogueira de Ramuín, Xunqueira de Espadanedo, Montederramo, Maceda, Vilar de Barrio, Laza, Castreo do Val,  Verín, Monterrei, Cualedro, Carballeda de Valdeorras, e A Veiga.

 

Un ano das movilizacións a prol do Paridoiro de Verín e crise COVID-19

A deputada Noa Presas quixo lembrar que fai un ano, a sociedade de Verín movilizábase para evitar o peche do paridoiro. Baixo o lema "Verín non se pecha" e grazas á mobilización da sociedade e nomeadamente de colectivos feministas do país, conseguiuse evitar o peche. Un ano segundo Noa Presas "no que o Hospital de Verín demostrou ser un hospital de primeira e no que moitas mulleres puideron ser atendidas.

Quixo por o foco tamén en que  pese ás numerosas mobilizacións levadas a cabo, "o PP segue sen mellorar a carteira de servizos nin en Ourense nin no resto do país coa falta de matronas en Ourense, Verín e o Barco, polo que a veciñanza non se pode confiar".

Desde o BNG lamentan o aumento de pacientes en UCI ao tempo que denuncian o traslado de pacientes a hospitais privados cando "temos un hospital novo con capacidade, se se poñen os recursos necesarios, de atender a todos eses pacientes".

O BNG ven de rexistrar alegacións aos tres macroproxectos eólicos previstos por unha firma norueguesa na provincia de Ourense e con gran afectación sobre o territorio