O BNG desmonta o relato de Jácome relativo o novo mapa de liñas do bus: nin maior puntualidade nin mellor conectividade

Rhut Reza, Luís Seara e Erea Blanco
Rhut Reza, Luís Seara e Erea Blanco en rolda de prensa

O Grupo municipal do BNG destaca que a entrada en vigor do novo mapa de liñas o único que está a xerar é incertidume, falta de información, caos e indignación. O BNG cualifica a proposta do Alcalde de “rotundo fracaso” e as modificacións posteriores e continuas desde o martes “son a mellor proba”

O BNG desmonta o relato de Jácome relativo o novo mapa de liñas do bus: nin maior puntualidade nin mellor conectividade

Ourense, 19 de setembro de 2025.  Logo da entrada en funcionamento do novo mapa de liñas do transporte público do Concello de Ourense deseñado polo Alcalde e logo de agardar a súa evolución ao longo dos días, o Grupo municipal do BNG compareceu esta mañá en rolda de prensa para valorar as consecuencias de ditos cambios.

O Portavoz da formación nacionalista Luís Seara comezou a súa intervención lembrando que “desde que o Alcalde anunciou o novo mapa de liñas até hoxe, o BNG mantivo unha actitude crítica pero ao mesmo tempo de prudencia. Manifestamos o noso desexo de que esta proposta mellorara o que había pero dixemos que eramos escépticos e anticipamos o que ía pasar”. Seara fixo fincapé no feito de que desde o seu Grupo se pedise con anterioridade que se analizara con rigor a proposta e se adiara a súa implantación, algo que o Rexedor “rexeitou”.

O Portavoz dos nacionalistas continuou afirmando que “a incertidume creada na veciñanza, a falta de diálogo co tecido social, a inexistencia de informes técnicos que apoiaran a proposta, os cambios continuos antes e despois da entrada en vigor, unido a que non se fixo unha proba previa para detectar as posibeis disfuncións e, en consecuencia, facer os necesarios reaxustes, ía colocarnos no peor escenario posible. Incertidume, falta de información e en consecuencia, caos e indignación na maioría da xente usuaria. Á vista dos feitos Podemos dicir con rotundidade que a proposta do alcalde é un absoluto fracaso”.

Neste contexto, os nacionalistas sinalan directamente ao Alcalde, Gonzalo Pérez Jácome como único responsable desta situación. “Empecinouse en modificar a totalidade do mapa de liñas cando o único que tiña que facer eran axustes. Empezou a casa polo tellado, mercando os buses antes de ter definido o mapa de liñas e descoñecendo as necesidades e características dos vehículos e como non hai unha sen dúas, agora quere facer o propio cos contedores do lixo”.

Mais o BNG levou a cabo nas últimas semanas e nos últimos días unha intensa axenda de interlocución social, “temos falado con moitas persoas, representantes veciñais, usuarios e usuarias, conductoras e condutores dos buses, ademais de comprobar por nós mesmos, vianxando en distintas liñas, a natureza dos cambios”.

Temos información actualizada e veraz de cal é o resultado desta modificación e por tanto podemos facer unha valoración global. Quen gaña e quen perde con esta novo mapa de liñas. Perden os mozos e mozas que teñen que madrugar moito máis para poder chegar ás aulas en hora. Perden as persoas maiores e con problemas de mobilidade, porque agora terán que camiñar máis ou facer máis transbordos. Hai persoas que viven no Couto que para chegar á residencia teñen que facer até 3”.

Perden as traballadoras e traballadores que ao rematar o seu turno de traballo non teñen transporte público. Perden as veciñas e veciños que teñen que padecer a incomidade de ir como sardiñas en lata nas principais liñas troncais, viaxando en buses que non están previstos para un número elevado de xente. Perde a mobilidade no conxunto da cidade, xa que ao ser liñas tan longas e facer percorridos como si dunha ximcana se tratase, acaba por disuadir a moitas usuarias e usuarios”.

Na súa exposición, Seara enumerou algunhas das liñas nas que as deficiencias son máis que evidentes como é o caso das liñas 1A - B, 3, 6, 7, 8, 11 ou 13 por exemplo, caracterizadas por incumprimento dos horarios, percorridos excesivos ou exceso de aforo pola falta de capacidade dos vehículos. Alén de que algúns dos percorridos establecidos provocan que as conductoras e conductores rocen o exceso establecido pola lei de 9 horas máximo de conducción.

Luís Seara tamén tivo palabras de lembranza precisamente para elas e para eles, as conductoras e conductores do Servizo, quenes están a sufrir nestes días as consecuencias do caos xerado polo Alcalde. “Esta situación de cabreo está a provocar que moitas veciñas e veciños canalicen a súa ira hacia os conductores e conductoras que non teñen ningunha responsabilidade e, pola contra, están a pór o seu gran de área para que isto deixe de ser un caos. Eu pídolle que non se equivoquen de responsable. O único responsable é o Alcalde e a el é a quen hai que dirixir as protestas. Porque está moi ben queixarse nas redes pero iso non é suficiente. Si queremos que nos teña en conta fagamos unha protesta masiva”.

Finalmente, o Portavoz do BNG no Concello, anunciou que “nós ofrecémoslle á cidadanía unha canle para canalizar esa indignación, polo que anunciamos que a partires deste luns, as e os Concelleiros do BNG, así como compañeiras e compañeiros perfectamente identificados, estaremos nas distintas paradas de bus da cidade para que todas e todos aqueles que o consideren oportuno, poidan asinar unha queixa xeral para que o Alcalde dea marcha atrás e corrixa todas aquelas cuestións que teña que correxir, previo diálogo social e cos informes e asesoramento das persoas que saben”. 

Busitos parados en Quintela
Busitos parados en Quintela
O BNG desmonta o relato de Jácome relativo o novo mapa de liñas do bus: nin maior puntualidade nin mellor conectividade