O BNG insiste na necesidade de adiar a entrada en vigor do novo mapa de liñas até “consensualo e definilo claramente”
O Grupo municipal nacionalista intensificou nos últimos días os contactos con asociacións veciñais, colectivos e veciñanza en xeral para avaliar a proposta da Alcaldía e constatou que “existe moita preocupación, moitas dúbidas e un crecente malestar diante dos continuos anuncios e bandazos ”
Ourense, 14 de setembro de 2025. En principio e salvo cambio de última hora, este martes día 16 de setembro, está previsto que entre en funcionamento o novo mapa de liñas do transporte público do Concello de Ourense, cambios que están a xerar unha fonda preocupación entre a veciñanza, tal e como está a comprobar o Grupo municipal do BNG.
A formación nacionalista intensificou nos últimos días os contactos coas asociacións veciñais, con colectivos, traballadoras e traballadores do Servizo e mesmo coa veciñanza anónima que traslada “a súa preocupación diante da confusión e da incertidume a respecto de como vai quedar articulado o Servizo”.
O Portavoz dos nacionalistas no Concello Luís Seara, sinala que “na Xunta de Portavoces do pasado venres advertimos ao Alcalde da necesidade de adiar a entrada en vigor da nova proposta para poder avaliala con calma, con seriedade e rigor, cos informes técnicos que sexan precisos e atendendo tamén as demandas e suxerencias da veciñanza”.
Segundo Seara “o que estamos percibindo nos últimos días dos múltiples contactos e das múltiples reunións que estamos mantendo é que a incertidume, as dúbidas e a confusión debido aos cambios constantes que se anuncian sobre a proposta inicial impiden que teñamos claro, todas e todos, como van ser realmente as liñas, por onde van pasar, onde van parar e cada canto tempo”.
No BNG consideran que o Alcalde está “creando unha situación caótica por non querer escoitar, por non querer asesorarse e por non querer dialogar” e engade, “coidamos que non é consciente da importancia que para moitas veciñas e veciños ten o transporte público, único medio de mobilidade en moitos casos e da afectación que ten na vida persoal ou profesional polo que non é admisible esta situación de caos e improvisación na que nos atopamos, con anuncios e cambios case que continuos”.
“Reitemos unha vez máis a necesidade de adiar a entrada en vigor das novas liñas e de deseñar a súa implementación paulatina e logo de ter feitos os axustes necesarios, de contar cos informes precisos e de ter atendido as principais necesidades e demandas da veciñanza do perímetro rural, sen dúbida, os maís prexudicados polo novo mapa”.