O BNG enmenda os orzamentos do INORDE para que este organismo sexa funcional ás necesidades de Ourense
Xosé Manuel Puga “unha vez recibida a proposta de orzamentos 2025 elaborada pola presidencia do organismo, desde o Grupo Provincial do BNG entendemos que deben ser mellorados para a consecución real dos obxectivos previstos para este organismo”
Xosé Manuel Puga, deputado provincial do BNG de Ourense, rexistrou unha enmenda aos orzamentos do INORDE que se debaterán na sesión do mércores 13 novembro.
Os nacionalistas propoñen detraer 608.220,00 € da actual proposta de orzamento deste organismo provincial dependente da Deputación de Ourense, para destinalos a investimentos e colaboración da Deputación Provincial de Ourense con entidades públicas e privadas para o desenvolvemento de actividades e accións de dinamización económica e social na provincia de Ourense.
“Tal e como xa temos manifestado e proposto desde o Grupo Provincial do BNG, e co ánimo de modificar e mellorar a incidencia que o INORDE está a ter sobre o corpo económico da provincia de Ourense e segundo o establecido no artigo 3 dos vixentes estatutos do INORDE: “ O obxectivo do INORDE é a promoción, desenvolvemento e mellora das condicións económicas e sociais da provincia de Ourense.....” sinalou Puga, o grupo nacionalista propón detraer do capítulo primeiro, 24.000 €; do capítulo segundo 326.220€; do capitulo terceiro 167.000€; e do capítulo cuarto 91.000€ para acadar o montante de 608220€ coa que crear esta nova área ou partida de gasto, para incorporala aos capítulos de gasto segundo e cuarto.
Desde o grupo nacionalista tamén manifestaron a súa sorpresa por non estar acompañada a documentación aportada do conseguinte estado de execución de gastos do que levamos do ano 2024 e do último trimestre de 2023, que non chegou até última hora da maña de hoxe. Cuestión esta fundamental para coñecer a execución real do aprobado no ano pasado