O BNG eríxese como muro de contención á corrupción no Concello de Ourense e na Deputación Provincial
Así o manifestaron tanto o deputado Provincial Bernardo Varela como o candidato á alcaldía de Ourense Luís Seara, quenes estiveron arroupados por cargos institucionais e candidatas e candidatos do BNG nestas eleccións municipais
Ourense, 24 de maio de 2023. “A situación na que se atopa tanto a provincia de Ourense coma o Concello da capital, é de emerxencia política e social”. Con estas palabras comezaba a súa intervención o deputado provincial Bernardo Varela a súa locución diante dos medios. Na rolda de prensa estivo acompañado polo Portavoz municipal e candidato á alcaldía na capital Luís Seara e por varios cargos institucionais e candidatos e candidatas da formación nacionalista ás eleccións municipais deste domingo 28 de maio.
Segundo Varela, “cada día, con cada nova que ímos coñecendo, fai que esta situación xa non sexa so un problema a nivel galego senón que comezamos a copar espazos informativos alén das nosas fronteiras e non precisamente por ser un lugar privilexiado, que o somos, para vivir”.
Bernardo Varela facía referencia aos últimos audios coñecidos e referidos á adxudicación do derrubo do matadoiro municipal no que o actual rexedor esixía, presuntamente, unha mordida de 100.000 euros, ou ao pago de outra, de preto de 800.000 euros e consecuencia dunha subvención próxima aos dous millóns e vinculada a melloras tecnolóxicas no ámbito municipal.
O deputado Provincial apelou á oportunidade que se abre o próximo 28 de maio “de darlle unha oportunidade á provincia e ao Concello de Ourense. Unha provincia que leva perdidos ao redor de 40.000 habitantes desde que os Baltar colleron as rendas da provincia”.
Neste senso, fixo fincapé nas últimas novas coñecidas ao redor do Presidente da Deputación e das novas sancións de tráfico coñecidas e que rebelan o uso persoal de “bens que son públicos”.
Bernardo Varela rematou a súa intervención reivindicando as eleccións do próximo domingo nas que cómpre “elixir un Goberno provincial que crea nesta provincia, que a reactive, que mude o rumbo imbuído ao longo dos últimos corenta anos co reforzo estes últimos catro do señor Jácome. A provincia merece moitísimo máis e para iso hai que falar de política, pero da política de verdade e non da que practican PP e DO e que eu nin tan seguera consideraría con este nome pois a política está para mellorar a calidade de vida das persoas e neso está o BNG”.
Pola súa banda o candidato á alcaldía no Concello de Ourense Luís Seara volveu apelar á necesidade de que o domingo “haxa unha resposta masiva da veciñanza nas urnas”. Seara coincidiu con Varela ao entender que Ourense “atópase nunha situación de emerxencia social e política provocada polos casos de corrupción que salpican directamente á alcaldía e que lixan o nome da nosa cidade”.
Luís Seara no quixo deixar pasar o feito de que se Jácome é alcalde a día de hoxe “é porque o PP de Feijóo así o quixo”. Mais o candidato nacionalista afirmou que “no BNG non nos resignamos a que isto teña que seguir sendo así pois hai outro xeito de facer e de entender a política”.
No BNG afirman ser conscientes do cansanzo, da desazón e da indignación que hai en boa parte da veciñanza, sentimentos motivados polos continuos casos de presunta corrupción que “día si e día tamén salpican á alcaldía do Concello de Ourense”.
“Ese cabreo, ese canzando temos que canalizalo o día 28 acudindo ás urnas a votar e non quedando na casa pois se quedamos na casa gañan os de sempre, os que non queren que nada cambie”, e engade, “como sociedade temos unha enorme responsabilidade política máis tamén ética polo que non podemos permitir que persoas inmersan en casos de corrupción sigan aniñando nas institucións. Basta xa de caciquismo e de política indecente”.
O candidato Seara apelou a todas as persoas que a día de hoxe se sintes estafadas, enganadas e que en comicions anteriores escolleron a outras formacións políticas para que este domingo acudan masivamente a votar “para que haxa un tsunami nas urnas que remate co caciquismo e a corrupción e aposte pola decencia, pola seriedade e polo rigor na xestión que representa o BNG”.
Por último, Luís Seara lembrou que os resultados do Concello de Ourense serán fundamentais á hora de configurar a nova corporación provincial polo que fixo un chamamento a aproveitar o momento e rematar coa hexemonía do caciquismo na Deputación. “Se en Ourense o BNG ten un bo resultado non soamente botaremos ao esperpento que temos no Concello, non so lle diremos que non á corrupción no Concello senón que lle diremos non a 33 anos de caciquismo e clientelismo na Deputación”.