O BNG pide que, ante a falta de dimisión de Baltar, o PP aclare se segue a ser o seu candidato a presidir a Deputación de Ourense

Bernardo Varela, Rhut Reza, Luís Seara e Iago Tabarés

O deputado Iago Tabarés adianta que presentarán no Parlamento galego unha batería de preguntas para que o Goberno galego e nomeadamente o Presidente Rueda “se posicione sobre todos estes acontecementos”

Pola súa banda Luís Seara fai de novo un chamamento á veciñanza para que o domingo 28M “acoda masivamente ás urnas e vote pola rexeneración política e a decencia que representa o BNG e censure a corrupción e o caciquismo que representan PP e DO”

O BNG pide que, ante a falta de dimisión de Baltar, o PP aclare se segue a ser o seu candidato a presidir a Deputación de Ourense

Ourense, 23 de maio de 2023. As últimas informacións xurdidas en torno ao Presidente da Deputación de Ourense nas que se pon de manifesto que en contra do afirmado por el mesmo en sesión plenaria, a multa imposta por conducir a 215 km por hora na provincia de Zamora non foi froito dun “despiste puntual” xa que agora coñécese que ese mesmo día outro radar multou ao mesmo vehículo a máis de 170 km hora desta volta á altura de Allariz.

O deputado no Pazo do Hórreo Iago Tabarés compareceu esta mañá en rolda de prensa acompañado polo deputado Provincial Bernardo Varela, pola concelleira no Concello de Ourense Rhut Reza e polo Portavoz e candidato á alcaldía Luís Seara.

Tabarés comezou a súa intervención lamentando o achádego do corpo sen vida do xogador do Atlético Arnoia David García “Mitogo” e trasladando á familia en nome do BNG as condolencias polo terrible desenlace.

A continuación indicou que “as novas coñecidas nos últimos días acreditan unha vez máis o uso irregular por parte do Presidente da Deputación dos recursos públicos”, e engade, “acreditan un comportamento pouco exemplar dun representante público”.

Para Iago Tabarés cecais o máis grave de todo son as “mentiras verquidas por Baltar tanto no Pleno da Institución como á propia cidadanía xa que agora corroboramos que a multa imposta en Zamora non foi froito dun despiste senón dunha conduta e un xeito de prodecer habitual”.

Por todo o exposto é polo que o deputado no Pazo do Hórreo avanzou que nos vindeiros días presentarán unha batería de preguntas para que o Goberno galego e o propio Presidente Rueda “se posicione sobre este comportamento”.

Pola súa banda o actual Portavoz municipal e candidato á alcaldía Luís Seara, comezou a súa intervención preguntándose se diante desta situación “o PP mantén a Baltar como candidato á presidencia da Deputación sabendo que era coñecedor de todos os trejemanejes de Jácome?”.

Segundo Seara “todo isto acaba corroborando o que o BNG ven denunciando desde que Jácome irrumpiu na política local, que Jácome e Baltar son o mesmo, que PP e DO son as dúas caras dunha mesma moeda”.

O candidato do BNG deixou claro que “as veciñas e veciños de Ourense deben saber que non ai ningunha dúbida de que se Jácome e o PP teñen que volver pactar, o farán, polo que facemos un chamamento a todas aquelas persoas que se sinten enganadas, estafadas e que están cabreadas para que o próximo domingo 28 acodan masivamente ás urnas para escoller entre a rexeneración política, o rigor e a decencia que representa o BNG ou seguir enlamados na corrupción e o caciquismo”.

Adxudicación do derrubo do matadoiro

Cuestionado polos xornalistas sobre os últimos audios coñecidos e relativos á adxudicación do derrubo do matadoiro municipal, o candidato Luís Seara lembrou que “xa hai algunhas semanas que desde o BNG denunciamos e advertimos que dito derrubo se lle concedía á empresa que ofertou a cantidade máis alta e que obtivo a peor cualificación dos técnicos, “algo certamente sorprendente pero que a tenor do que estamos a coñecer xa non resulta estrano”.

Seara advertiu que “neste momento todo no Concello de Ourense está baixo sospeita e ante esta situación no BNG temos claro que cando lideremos o próximo Goberno local o primeiro que faremos será levantar alfombras e abrir fiestras así como auditar todos os procedementos administrativos en marcha para a partir de aí poder tomar decisións”.

Liquidación do orzamento de 2022

Neste punto, Luís Seara aclarou que a liquidación feita pública onte non está aínda en mans da oposición e que en todo caso “e polo que puidemos saber, nin tan sequera está aínda aprobada”, e engadiu, “en todo caso non entendo como un alcalde pode gabarse de ter un remanente de 130 millóns de euros cando iso o que revela é a súa incapacidade para Gobernar e executar”.

O PP pide a dimisión de Jácome

Preguntado tamén polas últimas manifestacións do candidato do PP Manuel Cabezas nas que pide a dimisión de Jácome, a paralización de todos os procesos administrativos en marcha e a celebración dun Pleno extraordinario, lembrou que “se Jácome é alcalde é porque o PP o situou aí e ao longo do mandato o BNG brindoulle varias ocasións para quitalo da alcaldía e non o quixeron facer”.


 


 

O BNG pide que, ante a falta de dimisión de Baltar, o PP aclare se segue a ser o seu candidato a presidir a Deputación de Ourense