Néstor Rego sinala a necesidade de que o Concello de Ourense conte cun goberno municipal que defenda os intereses dos e das ourensáns frente á pasividade e o desinterese das outras administracións

Néstor Rego e Luís Seara xunto a cargos e demais membros do BNG no túnel da rúa Ramón Puga

O deputado do BNG no Congreso mantivo un encontro con Luís Seara e coa candidatura do BNG ao Concello nas inmediacións do túnel de Ramón Puga onde a formación nacionalista reclamou, unha vez máis, a ampliación do mesmo

Luís Seara volveu insistir na necesidade de executar canto antes tanto as obras de ampliación previstas en Ramón Puga como en Tarascón e afirmou que “a partir do domingo e cun alcalde do BNG á fronte do Concello, esixiremos o cumprimento do Convenio asinado entre o Concello e o ADIF”

Néstor Rego sinala a necesidade de que o Concello de Ourense conte cun goberno municipal que defenda os intereses dos e das ourensáns frente á pasividade e o desinterese das outras administracións

Ourense, 26 de maio de 2023. As obras de mellora da permeabilidade no túnel da rúa Ramón Puga e na Ponte sobre as vías férreas en Tarascón seguen sen ter data de inicio pese a estar asinado, desde hai meses, o Convenio entre o Concello de Ourense e o ADIF para a súa execución.

No convenio recóllense ás obras a executar. Na rúa Ramón Puga, descríbese que o paso inferior existente baixo a vía férrea ten unha anchura moi reducida, o que provoca problemas de seguridade viaria tanto para os centos de vehículos que circulan por esa vía así como para os peóns, xa que non dispón de beirarrúas. O proxecto contempla a ampliación do paso inferior cun orzamento que ascende aos 709.224,22 euros IVE incluído.

A outra actuación prevista está na rúa Tarascón. Neste caso, o paso elevado existente sobre a calzada non conta con beirarrúas e non é o suficientemente ancho como para permitir o paso de vehículos. O proxecto contempla a ampliación do devandito paso, obra orzamentada en 463.287,20 euros IVE incluído.

Estamos, segundo o Portavoz municipal e candidato á alcaldía Luís Seara, “diante dun investimento total que ascende a 1.172.511,42 euros, IVE incluído, e que tal e como figura no convenio asinado, será costeado ao 50% por ambas administracións”.

Seara lembrou que, “dando cumprimento ao convenio, o oito de marzo de 2022, constituiuse no salón de Plenos do Concello, a Comisión de seguimento das obras, comisión formada por dous representantes de ADIF e dous representantes do Concello, naquela ocasión con presenza do propio rexedor Pérez Jácome”.

Trala constitución da Comisión, ambas partes anunciaron públicamente que a licitación das obras estaba prevista para o mes de abril dese mesmo ano co obxectivo de que, realizada toda a tramitación administrativa necesaria, puideran comezar a súa execución este decembro e telas rematadas un ano despois, en decembro de 2023.

Luís Seara recrimínalle ao Concello de Ourense “que non se teña preocupado por esta cuestión e non teña esixido o cumprimento do convenio, e en consecuencia, impulsado a execución das obras á maior brevidade posible, algo que mudará a partir do domingo, cando a fronte do Concello haxa un alcalde do BNG”.

O candidato nacionalista tamén advertiu que “non ímos permitir modificación nos proxectos xa aprobados e moito menos, á baixa, pois entendemos que os actuais son os máis acaídos”.

Por outra parte, o deputado do BNG no Congreso sinala a necesidade de contar cun goberno municipal liderado por Luis Seara para “defender verdadeiramente os intereses dos e das ourensáns frente a outras institucións”. Neste sentido, Rego exemplifica na rúa Ramón Puga e Tarascón a “falta de vontade política dos sucesivos gobernos do Estado, tanto de PP como PSOE, para levar as obras de mellora para a permeabilidade urbana”.

Alén do máis, Néstor Rego lembra que a frente nacionalista rexistrou diversas iniciativas, xa incluso a comezos da lexislatura no Congreso, para que o Goberno do Estado levase a cabo estas obras de mellora mais este, primeiro argumentaba que estaba pendente de asinar o convenio de colaboración co Concello de Ourense e, posteriormente, que ADIF estaba axustando o proxecto acorde a base de prezos de 2022 para proceder a súa licitación.

Mais o que o Goberno non di é que o BNG rexistrou emendas aos diferentes proxectos aos Orzamentos do Estado e os partidos que compoñen o executivo, PSOE e UP, votaron sistematicamente en contra” apunta Rego. Para o deputado do BNG, estas forzas políticas deberán explicar, sobre todo os deputados destas formacións por Ourense, votaron en contra de “dotar con partidas suficientes as obras para a reforma tan necesaria que precisa o túnel de Ramón Puga e Tarascón”.

En opinión do deputado nacionalista, Ourense precisa dun goberno municipal que “teña as mans libres para defender os intereses do concello” e, neste sentido, engade que o equipo “liderado por Luís Seara está preparado para sacar a este Concello da parálise e a dexeneración democrática”.

Resposta a Manuel Cabezas, candidato do PP.

O candidato á alcaldía Luís Seara tamén quixo aclarar o posicionamento do BNG en relación coas declaracións do candidato do PP nas que afirmaba que tentaría a formación dun goberno co PSOE e o BNG.

Seara foi tallante ao afirmar que “decímoslle rotundamente que non”, e engade, “manolo Cabezas é o PP, Manolo Cabezas é Baltar e baltar é un dos responsábeis de que en Ourense levemos 33 anos de política noxo e de empregar as institucións en beneficio propio”.

nós aspiramos a partir do domingo a liderar o próximo Goberno Local para que Ourense teña o primeiro alcalde nacionalista da súa historia e poder transformar a nosa realidade e pedímoslle á xente que vaia votar e que escolla entre corrupción e caciquismo ou rexeneración política e dignidade”.


 


 


 

Néstor Rego sinala a necesidade de que o Concello de Ourense conte cun goberno municipal que defenda os intereses dos e das ourensáns frente á pasividade e o desinterese das outras administracións