O BNG esixe unha investigación profunda sobre os motivos do descarrilamento dun tren de mercadorías en Vilamartín de Valdeorras así como a revisión da seguridade na liña Vigo - Valdeorras
A formación nacionalista, a través da deputada por Ourense Noa Presas, ven de rexistrar unha serie de iniciativas na Cámara galega co obxecto de demandar do Goberno do Estado a máxima transparencia e dilixencia nas investigacións das causas dos descarrilamentos producidos en Galiza nos últimos meses e para a realización dunha auditoría integral das vías que discorren polo territorio galego conducente a garantir a súa máxima seguridade e mantemento
Ourense, 25 de agosto de 2023. O pasado mércores 23 de agosto, descarrilaban catro convois dun tren que transportaba mercadorías perigosas á altura do Concello ourensá de Vilamartín de Valdeorras.
Contra as 19:00h. as redes da Xunta de Galiza informaban da activación do Plan de Protección Civil ante accidentes no transporte de mercadorías perigosas (transgal) e de que o ADIF, Bombeiros de Valdeorras, GES de Valdeorras, Protección Civil e Concello de Vilamartín interviñan na contención dun pequeno derrame que non revestía perigo ao se producir ao aire libre. Afortunadamente ningunha persoa resultou afectada por este accidente e as consecuencias foron materiais.
Porén, Para o BNG e tal e como manifesta a deputada Noa Presas, este novo descarrilamento, “pon o foco sobre o mantemento e as condicións de seguridade das vías galegas, singularmente das vías do interior do país e da liña do Miño, que ten sido protagonista de recentes problemas ou descarrilamentos”.
Noa Presas incide en que, “xa en agosto do ano 2020 descarrilaban vagóns dun tren de mercadorías tamén en Valdeorras. Este descarrilamento foi protagonista dunha grande polémica pois ADIF verteu os convois ao río Sil e acabou por ser multada e obrigado á súa retirada. Así mesmo, en xaneiro de 2023 descarrilaron consecutivamente dous trens de mercadorías na liña Santiago-Ourense. Tamén en xaneiro un desprendemento interrompía a circulación de trens en Monforte e en decembro de 2022 acontecía algo semellante na liña da Mariña”.
Para a formación nacionalista, “a recorrencia destas situacións e a súa presunta atribución ás inclemencias climáticas, ben sexa por altas temperaturas, ben pola incidencia das choivas no chan, é enormemente preocupante e require dunha vixilancia activa por parte das institucións”.
Por estes motivos, o Grupo parlamentar do BNG no Pazo do Hórreo ven de solicitar do Goberno galego a súa implicación xa que, como ben afirma Noa Presas, “cómpre esixir ao Goberno do Estado a súa máxima investigación e que achegue a información da que dispón desde o ámbito das súas competencias”.
Ao tempo, Presas quere saber cal é a valoración do Goberno galego do descarrilamento de vagóns e que actuacións ao respecto vai esixir. Como valora a aplicación do protocolo transgal e cantas veces se aplicou desde a súa existencia, así como saber se o Executivo galego “vai facer algún estudo ou investigación ao abeiro das súas competencias en materia de emerxencias, seguridade e consumo”.
Desde o BNG instarán á Xunta de Galiza a demandar do Goberno do Estado a máxima transparencia e dilixencia nas investigacións das causas dos descarrilamentos producidos en Galiza nos últimos meses e a realizar unha auditoría integral das vías que discorren polo territorio galego conducentes a garantir a súa máxima seguridade e mantemento.
Igualmente advirten que de non conseguir a realización desta última actuación, “a Xunta de Galiza debera empregar todas as vías posibles para que se realice, incluída a xudicial así como o emprego de medios propios para recadar a avaliación necesaria”.