O BNG esixe o pagamento das axudas ás persoas afectadas polos lumes de 2025
Xosé Manuel Puga: “A Xunta prometeu axudas suficientes e rápidas, pero nove meses despois aínda hai arredor de mil solicitudes sen resolver”
Xosé Manuel Puga sinalou que comisión dos lumes na Deputación naceu tarde, segue sen conclusións e mentres a Xunta non fixo absolutamente nada para evitar que se repita unha situación como a do pasado verán.
Ourense, 27 de maio de 2026. O Grupo nacionalista na Deputación de Ourense levará ao pleno deste venres unha moción para demandar á Xunta de Galiza o pagamento inmediato das axudas comprometidas ás persoas afectadas pola vaga de lumes do verán de 2025, unha das máis devastadoras da historia recente de Galiza e especialmente nas comarcas de Ourense.
O deputado do BNG na Deputación de Ourense, Xosé Manuel Puga, denunciou en rolda de prensa a “absoluta deixadez” do goberno galego perante unha situación que continúa afectando centos de familias e explotacións agrarias e gandeiras das comarcas ourensás.
Segundo os datos facilitados pola propia Consellaría do Medio Rural, das 1.550 solicitudes de axudas rexistradas en todo o País, 1358 correspóndense con solicitudes de persoas e empresas afectadas nas distintas comarcas de Ourense, especialmente na zona oriental, a máis afectada polos lumes. Porén, no mes de marzo de 2026 só había 297 solicitudes aprobadas, un 19% do total, e unicamente 233 estaban pagadas, o que representa apenas o 15%, por un total, entre aprobadas e pagadas, de 3 millóns de euros, “baratos lles saímos” apuntillou o deputado nacionalista. E por tanto están en tramitación aínda 1020 solicitudes en tramitación, é decir o 66%.
“Nove meses despois da vaga de incendios segue habendo arredor de mil solicitudes en tramitación, malia que o presidente Rueda comprometera publicamente que as axudas serían suficientes e estarían abonadas antes de rematar 2025”, criticou o deputado do BNG.
Desde o BNG lembran que xa no seu momento advertiron de que as axudas aprobadas pola Xunta a través do Decreto 76/2025 eran “insuficientes, tardías e excesivamente burocráticas”, dificultando que moitas persoas afectadas puidesen acceder ás mesmas. “Moita xente tivo que recorrer a asesorías, a familiares ou incluso a créditos bancarios para poder subsistir durante estes meses”, denunciou Puga.
A moción que o Bloque defenderá no pleno reclamar á Xunta que “axilice e faga efectivas as axudas comprometidas coa veciñanza afectada polos lumes” e que se traslade de urxencia este acordo á Consellaría do Medio Rural.
Puga advertiu ademais de que a Xunta “non aprendeu absolutamente nada” do acontecido o pasado verán e denunciou que continúa existindo unha situación de enorme vulnerabilidade no rural ourensán fronte aos incendios. Neste sentido, lembrou o anuncio realizado polo presidente da Xunta sobre a limpeza das faixas de protección nos concellos de menos de 10.000 habitantes.
“Podemos ir a calquera núcleo rural dos 87 concellos ourensáns de menos de 10.000 habitantes e comprobar que non se fixo absolutamente nada. Seguimos exactamente igual ou peor ca hai un ano”, asegurou.
O deputado nacionalista tamén criticou a parálise da comisión creada na Deputación tras os incendios de 2025 e lamentou que “a día de hoxe aínda non exista ningunha conclusión nin ningunha medida concreta para evitar que unha situación semellante poida repetirse”.
Puga lembrou que os incendios do pasado verán calcinaron máis de 118.000 hectáreas segundo datos da Xunta e máis de 140.000 segundo o sistema europeo Copernicus, afectando de maneira especial ás comarcas orientais de Ourense. “Foron uns lumes terroríficos, con consecuencias ambientais, económicas e persoais gravísimas, que obrigaron incluso á evacuación de poboación e á intervención de medios doutras comunidades e de Portugal”, sinalou.
O deputado nacionalista quixo tamén trasladar “o agradecemento e recoñecemento a todas as persoas que loitaron contra os incendios” e tivo unha lembranza especial para “os mozos afectados polas graves secuelas do lume de Oímbra”.
Concello de Ourense
Xosé Manuel Puga, tamén concelleiro do BNG no concello de Ourense foi preguntado polos xornalistas sobre a situación política no Concello de Ourense, Puga reiterou que o BNG está centrado en “construír unha alternativa seria e rigorosa para a cidade”
“No BNG non andamos en leas nin en labirintos alleos. O Partido Popular e o Partido Socialista son quen se meteron nesa situación e son eles quen teñen que aclararse”, afirmou. Neste sentido, insistiu en que o Bloque está “a traballar para ofrecerlle á cidadanía de Ourense unha alternativa seria de goberno nas eleccións municipais do vindeiro ano”.